― A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na inauguración dunha xornada informativa sobre protocolo de acoso sexual laboral no Colexio Oficial de Fisioterapeutas
― A Administración autonómica galega ten a disposición do tecido empresarial unha guía para a prevención e tratamento de acoso sexual nas pemes
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na Coruña na inauguración da xornada informativa sobre protocolo de acoso sexual laboral, unha iniciativa que se celebrou no Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (Cofiga) e que se desenvolve no marco do convenio que a Xunta asinou o pasado mes de decembro coa Unión Profesional de Colexios Profesionais (UP), na que se integra Cofiga e a Asociación Galega de Profesionais da Auditoría Sociolaboral de Xénero e de Prevención do Acoso e da Violencia de Xénero nas Organizacións (Agaxen).
Na xornada avaliáronse os aspectos máis importantes para a detección e prevención do acoso sexual e por razón de xénero nos relatorios que protagonizaron María Ángeles García, consultora especializada que asesorou a diversas empresas na elaboración e implantación do protocolo e as medidas de acoso; e Sandra García, inspectora de traballo e experta en igualdade.
Mancha destacou que a prevención do acoso é clave “para evitar comportamentos indesexables que atentan contra a dignidade das persoas” e apelou a que as empresas dispoñan de protocolos para que ante un suposto caso poidan tomar as medidas oportunas “da maneira máis rápida posible que o atalle”.
A directora xeral, ademais, sinalou a necesidade de avanzar nunha “maior conciencia e sensibilización de traballadores, traballadoras, empresas, institucións, axentes sociais e cidadanía no seu conxunto” respecto á prevención e erradicación deste tipo de condutas no traballo.
Para rematar, lembrou que a Xunta ten a dispor do tecido empresarial unha guía para a prevención e tratamento de acoso sexual nas pemes e sinalou que na modalidade en liña, a Administración autonómica desenvolve un curso especializado en materia de acoso de 10 horas.