— A diminución detectouse nas catro provincias, sendo Ourense a que experimentou un maior descenso, cun 2,72 % menos de lixo enviado ás instalacións de Cerceda
— En 2022 tamén descendeu nun 1,13 % a entrada de refugallos de envases de plástico, latas e briks depositados nos contedores amarelos para a súa posterior reciclaxe
A Xunta subliña que a cantidade de residuos domésticos que remitiron ás instalacións da empresa pública Sogama os 294 concellos adheridos a este modelo descendeu o ano pasado nun 1,35 %, ao pasar das 794.472,93 toneladas de 2021 ás 783.725,38 toneladas de 2022. Este é o segundo ano consecutivo no que se constata unha diminución do lixo recibido na planta de Cerceda, xa que en 2021 o descenso foi do 0,05 %.
Cómpre ter en conta que a inestabilidade dos mercados e a alta inflación á que debe facer fronte a cidadanía constitúen factores que incidiron nun menor consumo, sen esquecer a maior conciencia ambiental dos galegos na prevención de residuos.
Así, o ano pasado a diminución na xeración dos refugallos convencionais —é dicir, a fracción resto depositada no contedor xenérico— foi unha constante nas catro provincias galegas, sendo a de Ourense a que máis diminuíu os seus residuos, cunha redución do 2,72 %; seguida pola de Pontevedra, cun 1,60 % menos; e finalmente polas provincias de Lugo e A Coruña, cun descenso do 0,98 % e do 0,60 %, respectivamente.
Tamén caeron —neste caso, nun 1,13 %— as entradas de bolsa amarela na planta de clasificación do Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña), onde se separan por tipoloxías os envases de plástico, latas e briks depositados nos contedores amarelos para ser remitidos aos centros de reciclaxe.
Neste sentido, se en 2021 foron clasificadas nesta infraestrutura 32.780,62 toneladas, o pasado exercicio esta cifra baixou ata as 32.409,80 toneladas, pero continúa sendo superior á rexistrada no ano 2020, coincidindo coa crise sanitaria da Covid, que se saldou con 32.326,51 toneladas.
En canto ao reparto por provincias, se ben Pontevedra é a segunda provincia que máis residuo convencional reduciu (bolsa negra), tamén ocupa esta mesma posición na caída da reciclaxe da bolsa amarela ao baixar desde as 14.269,99 toneladas de 2021 ás 13.889,70 toneladas de 2022, o que se traduciu en 380 toneladas menos (unha caída do 2,66 %).
Pola súa banda, Ourense minorou a súa achega á reciclaxe de envases lixeiros nun 3,46 %. Con todo, no caso das provincias lucense e coruñesa, a tendencia foi distinta, xa que a bolsa amarela viuse incrementada nun 1,33 e 0,82 %, respectivamente.