O ciclo Poetas Di(n)versos volve ao Centro Ágora este luns, 6 de febreiro, ás 20.00 horas. O acto, aberto e gratuíto, será conducido pola fundadora e directora do ciclo, a poeta Yolanda Castaño
Ininterrompido dende outubro a xuño, continúa o ciclo de poesía do Concello da Coruña reunindo a mellor poesía en galego e do resto do mundo un luns ao mes no Centro Ágora. E este vindeiro luns día 6, ás 20.00 horas, alcanza a súa cita de febreiro recibindo a palabra en vivo de Claudio Pato (1962) e Rafael Courtoisie (1958).
O ourensán residente na Coruña e mais o uruguaio recitarán en directo poemas orixinais nun acto aberto e gratuíto conducido pola fundadora e directora do ciclo, a tamén poeta e xestora cultural Yolanda Castaño.
Así, esta quinta sesión da décimocuarta edición anual de Poetas Di(n)versos reunirá dúas poéticas de vangarda capaces de combinar o híbrido e o irónico, a poesía-pensamento e o experimental. Licenciado en Filosofía, Claudio Pato foi Director da Galería Sargadelos da Coruña entre 2008 e 2012. Ademais de publicar en revistas especializadas e realizar performances para institucións coma o CGAC, ten ata a data cinco poemarios publicados.
Mais, colabora tamén en diferentes proxectos a carón de músicos, artistas visuais ou colectivos de acción artística en accións que van dende a mestura de free jazz e action painting ata a arte postal.
Rafael Courtoisie é poeta, narrador e ensaísta, ademais de membro de número da Academia Nacional de Letras de Uruguai e correspondente da Real Academia Española.
Pola súa prolífica obra obtivo prestixiosos galardóns internacionais: en Cuba o Lezama Lima, en México o Jaime Sabines, en España o Casa de América, o Loewe de Poesía, o Gil de Biedma e o Blas de Otero. Iso ademais dos acadados no seu país: o Nacional de Poesía, o de Narrativa, o Morosoli á traxectoria e mais o da Crítica en varias ocasións.
Traducido a unha chea de idiomas e autor de numerosos traballos de crítica e investigación, foi profesor visitante en universidades de Estados Unidos, Inglaterra e Colombia e ten un bo número de libros publicados en España, o último, o recentísimo Hacer cosas con palabras (2023), que presentara por vez primeira en Galicia.
Un novo recital poético, de arredor dunha hora de duración, ao termo do cal os autores convidados poderán asinar as obras que poñerá á venda unha libraría de proximidade. Así rematará un acto que tamén se poderá seguir por streaming, dentro dun ciclo que o ano pasado acadara dous galardóns polo proxecto cultural de relevo que o ciclo supón: o Rodolfo Prada á xestión cultural e o Follas Novas á Mellor Iniciativa Cultural de Galicia.