Inspirándose na herdanza de peliqueiros, pantallas e cigarróns, a rapazada poderá aprender a técnica de gravado sobre linóleo
O taller, que será de balde e baixo inscrición previa ata completar a capacidade prevista, terá lugar o sábado 18 de febreiro. Ofértanse 20 prazas, para nenas e nenos en idade de 6 a 12 anos
O Concello da Coruña abre este martes 7, ás 10.00 horas, o prazo de inscrición no obradoiro infantil de Entroido que terá lugar nas instalacións do Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón o vindeiro sábado 18 de febreiro.
No contexto da programación de actividades previstas polo Goberno municipal para estas datas festivas, o Museo Arqueolóxico abrirá as súas portas para amosar ás pequenas e pequenos a herdanza dos peliqueiros, pantallas e cigarróns. Será, en certa forma, unha viaxe ás tradicións e actividades tradicionais do Entroido galego.
Neste sentido, o taller, ideado para nenas e nenos en idade de 6 a 12 anos, levará os participantes a explorar o seu lado máis artístico, coa aprendizaxe e práctica na técnica de gravado sobre linóleo. A sesión, que terá unha duración aproximada de hora e media a dúas horas, comezará o sábado 18 de febreiro, ás 12.00 horas.
Ademais, e sempre que as condicións climatolóxicas así o permitan, as rapazas e rapaces participantes poderán disfrutar con diversos xogos tradicionais de Entroido, que se levarán a cabo no Patio de Armas do Castelo de San Antón, ao aire libre.
Como inscribirse no taller infantil de Entroido
Ofértanse un total de 20 prazas para este obradoiro, que será de balde, baixo inscrición previa ata completar a capacidade prevista. A inscrición poderá facerse por vía telefónica, chamando ao número de teléfono 981 189 850, en horario de 10.00 a 19.30 horas.
O prazo ábrese este martes 7 de febreiro, ás 10.00 horas.