Esta semana comezaron os obradoiros de acollemento lingüístico e os cursos preparatorios das probas Celga
Cincuenta persoas participan nos cursos de galego organizados polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo. As accións formativas arrincaron esta semana no Fórum.
O obradoiro de acollemento lingüístico tivo moi boa acollida. De feito, xa están cubertas as 20 prazas ofertadas. Entre os/as participantes hai persoas de distintos países e continentes, que, grazas a esta iniciativa, poderán achegarse á lingua e á cultura galegas para facilitar a súa integración no noso concello. As clases impartiranse todos os xoves, ata o 22 de xuño, de 18.00 a 19.30 horas.
Tamén foi moi alta a demanda para os cursos preparatorios das probas Celga 2, 3 e 4, xa que contamos con trinta alumnos e alumnas repartidos en dous grupos. As clases tamén se imparten os xoves, de 19.30 a 21.00 horas, ata o 1 de xuño, xa que nese mesmo mes celebraranse as probas que convoca a Xunta de Galicia.