Saturday 16 de November de 2024

Paris Joel, candidato de Alternativa dos Veciños á alcaldía de Sada


Paris Joel foi presentado esta mañá por Ángel García Seoane, presidente de Alternativa dos Veciños, como candidato no Concello de Sada. O polifacético artista sadense liderará a candidatura de Alternativa nas próximas eleccións municipais. Licenciado en xeografía e historia, cantautor de recoñecido prestixio, técnico de imaxe e son… pero ante todo home íntegro e comprometido política e socialmente co seu pobo.

O obxectivo da candidatura de Alternativa dos Veciños é restaurar a confianza nun proxecto e nun programa político que segue intacto e plenamente vixente para acadar as melloras que o pobo de Sada necesita. Ademais, a honestidade persoal de Paris Joel avala e garante unha candidatura libre de individuos oportunistas que usurpen as siglas do partido para beneficio e lucro persoal.

Coñecedor en profundidade do tecido cultural sadense, defensor do medio natural e implicado na vida política da área metropolitana da Coruña e de Sada, Paris Joel é o tipo de persoas necesarias na política para poder mellorar a calidade de vida das persoas e capaces de crear o clima de tolerancia e respecto polas regras democráticas que merece o conxunto da cidadanía.

Sada pode recuperar o esplendor do seu pasado con Alternativa dos Veciños. Para logralo, Paris Joel estará acompañado por un grupo de persoas cualificadas e con repletas ganas e ilusión para loitar e traballar.