Friday 22 de November de 2024

O Concello adxudica o novo contrato de Axuda a Domicilio, mellorando o servizo cun investimento de 30 millóns de euros


A principal novidade do SAD radica na distribución da cidade en cinco zonas diferenciadas, coa finalidade de prestar unha atención máis próxima e personalizada

O novo SAD abrangue, ademais, un lote específico destinado a garantir a inspección e control de calidade do servizo, para resolver de forma áxil e eficaz todo tipo de incidencias que puidesen xurdir

A Xunta de Goberno Local aprobou este venres a adxudicación dos sete lotes que compoñen o novo Servizo de Axuda a Domicilio (SAD), un servizo que permite a atención directa á cidadanía en situación de dependencia recoñecida e que conta con preto de 1.200 persoas usuarias no termo municipal.

O novo contrato do Servizo de Axuda a Domicilio conta cun orzamento superior aos 30 millóns de euros para o período 2023-26: 6,7 millóns, correspondentes ao ano 2023; e 10,1 e 10,8 millóns para cada unha das anualidades correspondentes aos anos 2024 e 2025 e 3,3 millóns no 2026. O contrato, fundamental para reforzar os servizos sociais da cidade, concibiuse baixo a premisa de garantir un servizo máis eficiente ás persoas usuarias e as súas familias, e dar as mellores condicións posibles ás 400 auxiliares que traballan ao seu lado a diario.

A principal novidade do novo Servizo de Axuda a Domicilio é a distribución da cidade en cinco zonas de atención diferenciadas (norte, oeste, centro, leste e sur), un formato ideado para reforzar o concepto de proximidade, facilitar as substitucións puntuais e tamén o apoio entre auxiliares ante situacións imprevistas. Neste sentido, abriranse tamén cinco oficinas de coordinación e atención ás familias en cada unha das cinco áreas territoriais previamente mencionadas, co obxectivo de dar solucións inmediatas e facilitar a comunicación coas persoas usuarias do servizo.

Este venres, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación dos cinco lotes correspondentes ás cinco áreas territoriais, baixo o seguinte criterio: a empresa Osventos Innovación en Servizos asumirá as zonas norte e oeste, con 4,9 e 5,4 millóns de orzamento, respectivamente; mentres que a empresa Attende Care será a encargada do Servizo de Axuda a Domicilio (SAD) nas zonas centro, sur e leste, con 6,1, 5,8 e 6,1 millóns de orzamento, respectivamente.

En paralelo, adxudicouse a Osventos Innovación en Servizos o lote específico do SAD sociosanitario que promove o Goberno de Inés Rey co obxectivo de dispor dunha modalidade de atención urxente a persoas, para prestar servizo, por exemplo, ás que veñen de pasar por un ingreso hospitalario e precisan axuda no fogar de forma temporal, para apoiar a súa recuperación. Este lote está dotado cun orzamento de máis de 1,5 millóns de euros.

A este respecto, unha das pautas marcadas neste novo contrato é que, como mínimo, un 10% das novas contratacións que resulten necesarias para a execución do SAD se realicen a favor de persoas desempregadas, pertencentes a colectivos con dificultades de inserción no mercado laboral, como persoas con diversidade funcional; persoas en estado de paro de longa duración e maiores de 45 anos; vítimas da violencia de xénero; e mozas e mozos que acceden ao seu primeiro emprego.

Inspección e control do Servizo de Axuda a Domicilio

Este novo contrato do SAD tamén inclúe un lote individual destinado a garantir a inspección e control de calidade do Servizo de Axuda a Domicilio, para resolver de forma áxil e eficaz todo tipo de incidencias que puidesen xurdir. Este lote será asumido pola empresa Teknimap Energía y Medioambiente, cun orzamento de 435.336 euros.

Por outra banda, e froito da colaboración entre o Concello, as persoas coidadoras e os sindicatos, o novo contrato contempla a prestación simultánea do servizo por dous auxiliares, nos casos no que a situación da persoa usuaria así o requira, garantindo unha atención adecuada ás súas circunstancias e tamén un alivio da carga de traballo para o coidador ou coidadora.

“Desde o Goberno municipal asumiuse o compromiso de executar unha fonda reestruturación do servizo, coa fin de ofrecer unha mellor atención aos usuarios e usuarias, así como mellores condicións para as traballadoras. E así se está levando a cabo desde a Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá”, puxo en valor a alcaldesa, Inés Rey.