Apunta que AEGAMA naceu cun espírito de unión e axuda mutua que a levou a ser unha referencia no asociacionismo empresarial en Madrid
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o extraordinario labor de AEGAMA nos seus 25 anos de historia como lugar de encontro dos emprendedores galegos en Madrid. Así o manifestou no acto de conmemoración do aniversario desta asociación de empresarios.
O presidente do Goberno galego puxo en valor o espírito co que naceu a asociación de unión e axuda mutua que a levou a ser unha referencia no asociacionismo empresarial na capital. “Os galegos foron quen de manter a galeguidade á vez que se integraban nas sociedades de acollida” apuntou.
Neste senso, Feijóo estableceu un paralelismo entre as dificultades que experimentaron os galegos emigrados e os difíciles condicionantes históricos e económicos aos que se ten enfrontado nos últimos anos o Goberno galego, “sempre desde a previsibilidade, o rigor, a prudencia, a eficiencia e a deostada austeridade”.
Con respecto a isto, o titular da Xunta destacou que afortunadamente esta situación se está a reverter na actualidade e que hoxe xa podemos falar de creación de emprego, presupostos á alza, diminución de impostos e recuperación de retribucións dos empregados públicos.
Comunidades cumpridoras
Ademais, Feijóo lembrou que Galicia e Madrid poden presentarse como comunidades cumpridoras cos seus provedores e capaces de controlar o recurso da débeda pública. “Sabemos que é o momento de impulsar medidas que favorezan a consolidación dun marco favorable á creación de riqueza e emprego” e así se recolle no Plan estratéxico Galicia 2015-2020 da Xunta, que servirá de guía para a definición dun Modelo de Crecemento baseado na Innovación, Internacionalización e o Emprendemento, así como para o desenvolvemento dunhas políticas sociais que resulten sostibles.
Finalmente, o presidente da Xunta sinalou que a Asociación de Empresarios Galegos en Madrid é un exemplo neste sentido xa que “soubo aproveitar os momentos de dificultade para seguir unidos e compartir experiencias e, entre todos, buscar solucións aos problemas para saír do ciclo con máis fortalezas e capacidade de crecemento”.