Chega o mes de febreiro e con el unha das celebracións en que a creatividade e a diversión cobran un gran protagonismo: o Entroido. Na Pobra do Caramiñal tocará disfrazarse do día 17 ao 21, durante os cales non faltarán a troula e os espectáculos, ademais de recupera-lo desfile. Premiaranse, así mesmo, o enxeño e a orixinalidade a través de dous concursos que coas gratificacións ás carrozas repartirán un total de 5 075 euros.
Trátase dunha axenda que, en palabras da concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), acompañada da técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, busca “pór en valor unha festa popular de gran valor etnográfico para Galicia. É evidente a vertente lúdica e cultural do Entroido. Deseñamos, polo tanto, un atractivo programa para tódolos públicos.”
Este inaugúrase no venres 17 cuns obradoiros de batucada, xoguetes e complementos con temática propia destas datas. Transcorrerán a partir das 18.30 horas no Cantón da Leña, na praza de Maura e nos Xardíns de Valle-Inclán. Máis tarde a acción desprazarase polo centro da vila con animación de rúa e charanga.
O compoñente musical tamén marcará a xornada do sábado 18 con tres novos espectáculos itinerantes para culminar na noite coa festa Party Neon e Disco Chocolate, das 23.00 horas en diante, na praza Alcalde Segundo Durán.
As crianzas serán as protagonistas do domingo 19 coa gran festa infantil que se desenvolverá na praza Alcalde Segundo Durán, dende as 16.30 ata as 19.30 horas. Haberá inchables, obradoiros, actuación musical, chocolate con churros e un concurso para a rapazada ata 12 anos. Entregaranse cinco premios: un primeiro, de 200 euros; un segundo, de 150; un terceiro, de 125; un cuarto, de 100 e un quinto, de 75. Cómpre indicar que os disfraces galardoados deberán participar no desfile do martes 21.
Recupérase así esta comitiva festiva trala paréntese ocasionada pola pandemia. Ás 17.30 horas arrancará o desfile de disfraces e carrozas que neste ano conta coa participación de tres comparsas: Os da Caña, As Sonecas e Cor Café. A saída efectuarase dende A Covecha en dirección á rúa Castelao, concretamente ás inmediacións da E.E.I. Fernández Varela. Alí procederase coa realización doutro certame, nesta ocasión dirixido a maiores de 13 anos e presentado polo humorista Fran Campos.
Establécense tres categorías coas súas correspondentes catro distincións: carrozas (un primeiro de 700 euros; un segundo, de 400; un terceiro, de 200; e un cuarto, de 100); grupo (400, 300, 200 e 150 euros, respectivamente) e parellas/individuais (200, 150, 125 e 100 euros por esta orde). As inscricións formalizaranse na casa da cultura Raquel Fernández Soler e a data límite será no propio día 21, ás 12.00 horas.