Supón unha inversión de 48.000 euros, con 3 meses de execución
O Concello de Riveira vén de adxudicar provisionalmente unha nova actuación consistente na pavimentación e renovación de servizos nun camiño situado no lugar da Cerca, na parroquia de Aguiño.
Esta acción, que está incluída dentro do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos da Deputación (POS), recaeu na empresa Construcciones Jenaro Cadaval, SL, ao ser a que obtivo unha mellor clasificación. O importe da mesma ascende a 48.218,50 euros. O prazo de execución son tres meses.
O camiño en cuestión rexistra na actualidade un pavimento de terra, existindo unha rede de saneamento nun pequeno tramo que se atopa en bo estado, se ben a rede de auga potable existente é antiga e presenta un estado deficitario.
507 metros en conducións
O obxecto que se persegue co proxecto elaborado polos técnicos municipais reside en pavimentar o camiño e renovas os servizos de auga potable e saneamento. Para iso, disporase no que se refire a saneamentos fecais un colector de PVC de 315 milímetros de diámetro de 217 metros de lonxitude no tramo que falta, ademais de dispoñerse pozos de rexistro e conectarse coa rede existente.
Para o abastecemento de auga colocaranse dous tuberías: unha de polietileno de alta densidade de 75 milímetros de diámetro e 118 metros de lonxitude e outra, tamén de polietileno, de 90 milímetros de diámetro e 172 metros de longo.
Con respecto á pavimentación, empregarase un acabado con mestura bituminosa en quente a base de zahorra.