Friday 22 de November de 2024

Sánchez Bugallo reúnese co decano do Colexio de Avogados e co xuíz decano de Santiago para estudar as necesidades da Administración de Xustiza na cidade


A creación dun xulgado exclusivo de violencia sobre a muller, un novo xulgado do contencioso e un novo xulgado de familia, ademais do reforzo dos equipos psicosociais, son as prioridades que fixa o alcalde logo do encontro no que participaron o maxistrado decano Andrés Lago Louro e o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Francisco Rabuñal, así como o concelleiro de Relacións Institucionais, Sindo Guinarte.

“As maiores necesidades no ámbito xudicial en Santiago parecen atoparse na necesidade dun Xulgado exclusivo de Violencia sobre a Muller e novos xulgados de familia e do contencioso” explicou o alcalde logo do encontro mantido co maxistrado decano e o decano do Colexio de Avogados de Santiago. Tamén insiste o alcalde en que é urxente que a Xunta reforce os equipos psicosociais: “polo que nos contan, estanse a producir importantes retrasos nos informes periciais e isto repercute nos procedementos xudiciais”.

Trátase fundamentalmente de informes relacionados con procesos de garda e custodia, de incapacitación ou de internamento no ámbito de familia. Explica o alcalde que “pode pasar que, mentres se agarda polo informe psicosocial, a situación cambie e, polo tanto, haxa que repetir todo o procedemento”. Tamén os casos de violencia de xénero estanse a ver dilatados no tempo por falta de recursos: “é necesario un xulgado exclusivo que aborde a violencia sobre a muller na nosa cidade porque hoxe esa función está a desenvolverse no xulgado de instrución número 3”, e se consideramos o ámbito territorial da sección de Santiago da Audiencia, hai un número de casos que xustifican plenamente esa demanda.

Ademais, o alcalde asegura que “urxe un novo xulgado do Contencioso-Administrativo”: logo de escoitar os decanos dos avogados en Santiago “constatamos que o feito de que sexa a través desta canle pola que se están a canalizar as reclamacións de responsabilidade ao Sergas e que Santiago sexa a sede das institucións autonómicas provoca unha situación de sobrecarga que lastra os procesos xudiciais en curso”.

Insiste tamén na idea de empezar a valorar a necesidade da creación dunha nova sección da Audiencia Provincial en Santiago, visto o bo funcionamento da existente e a conveniencia de afondar nese proceso de achegar a xustiza os seus actores.

Insiste en que se trata de peticións “non só necesarias, senón imprescindibles para conseguir un funcionamento eficaz, rápido e, sobre todo, con garantías do noso sistema xudicial”.