Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño prepara un Venres de Entroido con actividades para a rapazada do CPI e para o resto da veciñanza


A festa do carnaval terá lugar na praza do antigo Concello ao abrigo dunha carpa

Pouco a pouco os concellos da comarca van desvelando as súas programacións con motivo do carnaval, que vivirá as súas datas centrais en pouco máis de dúas semanas. En San Sadurniño, ademais do certame “Entroidadas” organizado por Cultura, a troula máis irreverente do ano tamén se vivirá ao grande na xornada do venres 17 de febreiro. Pola mañá, a partir das 11:30h, aproximadamente, haberá actividades dirixidas ao alumnado do CPI e da EIM A Rolada que se desenvolverán baixo unha grande carpa montada na antiga praza do Concello. Pola tarde, das 20:00h en diante, o espazo estará aberto para todas aquelas persoas e grupos que queiran participar nunha festa de Entroido con música e premios para as mellores máscaras individuais, grupos e tamén comparsas, ás que xa avisamos con tempo de adianto suficiente -aínda que xustiño- para que vaian preparando traxes e coplas.

A rapazada do centro de ensino baixará a media mañá até a carpa para gozar dun espazo cuberto no que lucir disfraces -desfile incluído- e pasar un anaco brincando antes das minivacacións dos seguintes días. Ademais tamén degustarán chocolate con orellas e contarán coa animación das escolas municipais de gaita, pandeireta e cantos de taberna. Se o tempo fose bo tamén se faría un pequeno percorrido pola zona urbana.

A troula aberta ao público en xeral comezará sobre as 20:00h e tamén se acompañará con música dunha charanga, liscos con pan a prezos asequibles… e con premios para os mellores disfraces valorando, entre outras cousas, a orixinalidade e a feira que armen durante o desfile perante o xurado. As categorías son as seguintes:

Infantil individual (0 a 8 anos): dous premios en vales de 30€ para canxealos en establecementos locais
Xuvenil individual (9 a 17 anos): dous premios en vales de 30€ para
Adulta individual (18 anos en diante): dous premios en vales de 30€
Grupo (formado por entre 2 e 6 persoas, sen límite de idade): un vale de 100€
Comparsa (7 ou máis persoas): un vale de 200€ se só participan no desfile perante o xurado e outro de 300€ para a que gane no apartado musical, non acumulables
As inscricións haberá que facelas o mesmo venres 17 de febreiro antes das 21:00h na propia carpa e cada participante só poderá concursar nunha categoría. Os premios entegaranse ao remate da festa, igual que os correspondentes ao certame “Entroidadas”, do que se pode atopar aquí toda a información.

Entroido en Naraío
Ao día seguinte, o sábado 18 de febreiro, o epicentro do carnaval trasládase ao local social da Veiga con motivo da festa de máscaras organizada pola AVV O Castelo de Narahío. O baile arrancará ás 22:30h co Dúo Eva e Camilo sobre o escenario. Ao longo da noite haberá varios sorteos.