O CPI Antonio Orza Couto, en colaboración co Departamento de Deportes do Concello de Boqueixón, organizou un obradoiro de primeiros auxilios dirixido a toda a comunidade educativa: pais, nais, coidadoras do comedor, persoal de cociña, profesorado do centro… e mesmo algunha que outra crianza presente.
A temática centrouse en dar a coñecer o protocolo da reanimación cardiopulmonar (RCP) polo que, ademais das técnicas manuais, tamén se fixeron prácticas e se aprendeu a utilizar un desfibrilador (concretamente un DESA de adestramento). A maiores impartíronse nocións básicas sobre a manobra de “Heimlich”, para facer fronte a un atragantamento.
No taller participaron un total de 15 persoas. Esta iniciativa xurde do propio CPI Antonio Orza Couto, onde a secretaria da actual directiva, Maria Paz Gago, solicitou a colaboración do Departamento Municipal de Deportes para levar adiante esta actividade.