A escritora naronesa María Isabel Cagiao Branco presentará o vindeiro mércores, día 8, na Biblioteca municipal os seus dous primeiros libros “Gomets” e “Gomets II, la casa de encuentros”. A concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, indicou que o acto se desenvolverá a partir das 18.30 horas na planta soto das citadas instalacións, con acceso libre ata completar a capacidade da sala.
A autora estará acompañada no acto, entre outros, pola tamén escritora naronesa María Isabel Ramos Breijo, que se encargará de presentar esta convocatoria. “Gomets” foi a súa primeira novela e consta dunha parte real e outra ficticia, cunha temática centrada no amor e protagonizada por Bely, unha rapaza que medra na comarca nuns tempos de incertidume e que se transformará en Adela, trocando a súa personalidade. As dúas obras foron publicadas pola editorial Diversidad Literaria en 2021 e 2022 e forman parte do que nun futuro próximo será unha triloxía. A autora destacou o éxito de acollida que están tendo entre o público lector, indicando que adoita identificarse con algún dos personaxes, co entorno e coa temática que se abordan.
Dende o Concello animouse ás veciñas e veciños da cidade e tamén doutros concellos a acudir á presentación, para coñecer máis polo miúdo as obras de María Isabel Cagiao e tamén a súa experiencia como escritora.