Alternativa critica que o Goberno municipal da Coruña retrase de novo a maior oportunidade urbana da cidade nun século
Despois da sinatura dos Convenios de 2004 sobre o futuro do Porto, asinados pola Deputación, a Xunta e o Ministerio de Fomento, transcorreu un cuarto de século sen que se cumpriran estes acordos que, por outra banda, deben ser modificados con urxencia para evitar unha urbanización especulativa e para axustalos ao Plan Xeral de Ordenación Municipal.
O último atraso deste proceso, tan beneficioso para o futuro da cidade, produciuse a principios deste ano cando o portavoz municipal, José Manuel Lage Tuñas, declarou nunha emisora de radio que o Concello non estaba disposto a pagar á Autoridade Portuaria os 200 millóns pactados entre Xunta, Concello, Portos do Estado e Autoridade Portuaria para facer fronte á suposta débeda de Punta Langosteira. Aínda que, en efecto, Alternativa dos Veciños considera que este pago non é necesario, o respecto institucional e a vontade de solucionar un problema tan dilatado no tempo debería levar aos representantes municipais a non crear un novo obstáculo e a dialogar e negociar co resto das administracións implicadas.
A integración dos terreos do Porto da Coruña na trama urbana é unha oportunidade histórica para abrir a cidade ao mar e gañar un espazo público de calidade que contribúa ao benestar da cidadanía. Cómpre evitar as operacións especulativas previstas en San Diego, os 65.000 metros cadrados dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo deben destinarse a equipamentos sociais, deportivos e culturais de referencia, mediante a reconversión de equipamentos portuarios e industriais, como xa se fixo dende a iniciativa privada.
Alternativa dos Veciños defende a creación de parques e zonas verdes con fins recreativos, deportivos e de lecer, para o goce de todos os coruñeses e coruñesas, nos terreos portuarios desafectados. Ademais, a implantación dun aparcamento subterráneo gratuíto, con lanzadeiras ao centro e aos barrios, permitiría reactivar a actividade comercial e turística na nosa cidade.
A liberación dos peiraos é unha oportunidade única para solucionar os problemas de mobilidade da Coruña e a súa integración na área metropolitana. Dúas cuestións que non se poden demorar máis, con obstáculos como os que está a poñer o actual Goberno Municipal, e nas que a experiencia de Alternativa dos Veciños será clave e determinante.