O Museo do Humor de Fene acollerá este xoves ás 20 horas unha conferencia do debuxante, ilustrador, humorista gráfico e editor Kiko da Silva. Con esta charla, organizada pola Concellería de Cultura e Ensino, preténdese afondar no coñecemento da revista “Retranca”, publicación que centrou a última exposición producida polo Museo do Humor de Fene e que se amosa ata o vindeiro 31 de outubro na sala de exposicións da Casa da Cultura de Fene.
Recoñecido impulsor da historieta en Galicia, no ano 2007 Kiko da Silva emprendeu a edición da cabeceira satírica Retranca, revista de vocación popular adicada ao comentario humorístico da actualidade galega. “Retranca” durou xusto catro anos. Editáronse 33 números entre novembro de 2007 e novembro-decembro de 2011. O número de xaneiro-febreiro de 2012 xa non veu a luz, porque a empresa que a distribuía, Coedis, entrou en concurso de acreedores e deixou de pagar a todos os seus proveedores.
Kiko da Silva (Vigo, 1979) é autor de banda deseñada, ilustrador e editor. Licenciado en Belas Artes pola especialidade de pintura, iniciou a súa traxectoria profesional en 1998. Amais de publicar viñetas no xornal La Voz de Galicia, colabora semanalmente na revista El Jueves. Tamén participou nas publicacións Golfiño e Mister K. Como ilustrador, salientan del títulos como “Cuando Matías tuvo ganas de hacer pis en la noche de Reyes”, “Sar, Sarela y los monstruos de Compostela”, editados por Kalandraka, e “Fiz”, do selo Faktoria K. Ademais, foi cofundador da revista BDBanda (premio do Salón do Cómic de Barcelona 2007) e creador da editorial Retranca, na que editou as revistas de humor gráfico “Fiz” e “Retranca” (premio do público á mellor revista no Salón do Cómic de Barcelona 2007). Actualmente é o director da Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración “O Garaxe Hermético”, en Pontevedra. Co seu último álbum publicado, “El infierno del dibujante”, Kiko da Silva recibiu o Premio Castelao de BD 2014.
SOBRE A EXPOSICIÓN “XERACIÓN RETRANCA”
“Xeración Retranca” é unha exposición promovida pola Concellería de Cultura e Ensino do Concello de Fene en colaboración coa Deputación da Coruña. A mostra recolle orixinais de destacados humoristas galegos que formaron parte do elenco de autores que publicaron na revista Retranca entre os anos 2007 e 2011. Salientan nomes como Kiko da Silva, Pinto&Chinto, Leandro, Andrés Meixide, Miguelanxo Prado, Alberto Guitián, Luis Davila, Fernando Iglesias “Kohell” ou José Antonio “Bernal”, xunto cos clásicos do humor gráfico galego como Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois “O Carrabouxo”.
A maiores, a exposición compleméntase cunha colección de paneis nos que se da conta da historia desta singular revista, fundada en Pontevedra en outubro de 2007 polo debuxante Kiko Da Silva. Neles, os visitantes poderán facer un seguemento dos principais temas tratados en Retranca, coñecerán aos autores (debuxantes, escritores, xornalistas, etc.) que participaron no proxecto así como á súa mascota, deseñada polo propio Kiko Da Silva.
A exposición “Xeración Retranca” permanecerá aberta ao público na sala de exposicións da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene ata o vindeiro 31 de outubro. Horario de visitas: de luns a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas.