Saturday 16 de November de 2024

Román Rodríguez refírese a Manuel Murgía como un piar fundamental no esplendor creativo da lingua galega


— O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa nas homenaxes organizadas pola Real Academia Galega co gallo do centenario do seu pasamento

— Anuncia que o Centro Ramón Piñeiro prepara unha edición do único discurso en galego do autor, pronunciado nos xogos florais de Tui en 1881

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na Coruña nos actos para homenaxear ao escritor Manuel Murguía co gallo do centenario do seu pasamento, que se celebra mañá, 2 de febreiro, onde anunciou que o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades está a preparar unha edición especial co único discurso pronunciado en galego polo autor nos xogos florais de Tui de 1881.
No transcurso da conmemoración, na que tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e que incluíu unha homenaxe no cemiterio de San Amaro e un acto institucional no Pazo de María Pita, o responsable autonómico de Cultura referiuse ao escritor como “un piar fundamental no esplendor creativo da lingua galega” que 100 anos despois do seu pasamento segue moi presente na cultura e na identidade galega. “A nosa obriga é facer o posible para seguir poñendo en valor o seu legado”, engadiu Román Rodríguez.
Neste senso, puxo en valor o importante compromiso de Murguía con Galicia e destacou o decisivo papel que desempeñou no impulso do Rexurdimento, na salvagarda do legado literario de Rosalía de Castro ou na creación da Real Academia Galega, da que foi o primeiro presidente. “Non podemos imaxinar a cultura galega sen o seu esforzo, que fixo posible que a obra de Rosalía de Castro chegase ata nós e goce do destacado lugar que ten hoxe en día”, precisou o conselleiro.