Friday 22 de November de 2024

O Concello convoca un curso telemático sobre “Iniciación ao cooperativismo”


O Concello impulsa coa Rede Eusumo de Galicia unha serie de cursos de balde que se impartirán a través de teleformación. O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, anunciou que se convoca un curso de “Iniciación ao cooperativismo”, que comezará o 13 de febreiro e rematará o 10 de marzo.

Esta acción formativa terá unha duración de 60 horas –a previsión é dende as 10.00 ata as 13.00 horas- e as persoas interesadas poderán anotarse de balde a través dun formulario que se pode obter a través da dirección: https://aula.formacionenrede.com/eusumonaron. É unha formación aberta á cidadanía en xeral, se ben se priorizarán os seguintes colectivos: mulleres, persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión social, persoas vencelladas coa economía social e desempregadas.

A actividade enmarcase no programa de actuación 2022-2023 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social, contando co financiamento do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

O edil naronés animou a todas aquelas persoas interesadas no sistema do cooperativismo a inscribirse nesta convocatoria, na que “terán a oportunidade de coñecer da man de profesionais como se constitúen e o seu funcionamento”.