A Pobra do Caramiñal dispón de varias ferramentas para evita-la aparición de vertedoiros incontrolados que degraden a contorna e darlles un tratamento adecuado aos elementos sen vida útil. Un destes recursos é o punto limpo do polígono industrial da Tomada, que xestionou no pasado exercicio 126’3 toneladas de residuos, mentres que en 2021 foron 138’7 toneladas.
A concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra), indica que a madeira supón a maior parte do peso, seguida da chatarra, entullos, televisións e monitores, aparellos eléctricos e voluminosos. A referida instalación constitúe un lugar onde levar gratuitamente os nomeados desperdicios, con horario de atención ao público de luns a sábado, dende as 10.00 ata as 13.00 horas.
Nos datos xa expostos tamén se inclúen os depósitos efectuados pola veciñanza preto dos seus domicilios, logo do aviso á empresa concesionaria para proceder coa retirada. Trátase dunha prestación de balde a través do teléfono 981871808, contacto que precisa o lugar e día para coloca-lo obxecto.
A maiores, o Concello ten en marcha un sistema complementario de reciclaxe: o punto limpo móbil. Trátase dun colector de pequeno formato, previsto para o seu traslado pola vía pública, e que conta con varios espazos independentes de introdución e almacenaxe de cartuchos de impresora; aerosois; pilas (convencionais, alcalinas, botón e baterías); teléfonos móbiles; produtos electrónicos do tipo RAEE (cargadores de móbiles, auriculares etcétera); CD, DVD e cintas de vídeo; lámpadas de baixo consumo; xoguetes de plástico; e pequenos electrodomésticos. En 2022 recolleuse un total de 412 quilogramos, nos cales representaron os aparellos electrónicos e os pequenos electrodomésticos a maior parte do peso. Alcanzáronse os 422’5 quilogramos en 2021.
Permanece unha semana nunha localización do rural: O Alto de Cabío (na primeira semana de cada mes), A Ribeiriña (segunda semana), Santo Isidro (terceira semana) e O Colo de Arca (cuarta semana).
E outros mecanismos para perfecciona-lo sistema da reciclaxe existente son os dous minipuntos limpos do núcleo urbano: fronte á casa consistorial e na praza do Emigrante. Consisten en estruturas verticais moi accesibles para a cidadanía con diferentes apartados segundo o residuo de pequeno formato que se vaia inserir. En 2022 rexistraron 727 quilogramos de refugallos de uso doméstico; unha cifra inferior aos 1 024 quilogramos de 2021. A edil explica que, unha vez consultada a empresa xestora, un dos motivos do descenso é o acto de vandalismo que sufriu o instalado na praza do Emigrante, que o deixou inutilizado durante un tempo, polo cal se atenuou a cantidade recollida.
Pódense introduci-los cartuchos de impresora, teléfonos móbiles, pilas e baterías de móbil, aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) e lámpadas de baixo consumo. Como novidade, admítense as cápsulas de café que están compostas de aluminio e plástico.