Friday 22 de November de 2024

A Xunta asina un convenio con Gadis para incrementar as vantaxes da xuventude a través do Carné Xové


— Os mozos de entre 18 e 30 anos poderán optar a sorteos mensuais de vales de compra por valor de 300 euros, teléfonos móbiles ou estadías en aloxamentos, entre outros

— O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria de axudas do programa Iniciativa Xove, que ofrece ata 5.000 euros á mocidade para impulsar novos proxectos emprendedores

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, presentou hoxe unha nova iniciativa para incrementar as vantaxes da xuventude a través do Carné Xove. A Xunta asinou un convenio de colaboración con Gadis para ofrecer sorteos mensuais a mozos de entre 18 e 30 anos, aos que poderán optar con cada compra nalgún dos seus supermercados.

A conselleira explicou que a mocidade galega poderá optar a vales de compra por valor de 300 euros, teléfonos móbiles ou estadías en aloxamentos, entre outros. O único que precisan é descargar a aplicación móbil de Gadis e incluír o seu Carné Xove para participar nestes sorteos. Deste xeito, a Xunta segue a incrementar as vantaxes do Carné Xove que nestes momentos conta xa con 1300 establecementos adheridos.

Fabiola García lembrou que nos últimos anos o Goberno galego mellorou o Carné Xove ao convertelo en 100% gratuíto e con vixencia indefinida para os 400.000 mozos de entre 12 e 30 anos da nosa Comunidade. Ademais, fóronse incrementando as vantaxes das que se pode beneficiar a mocidade en toda España e tamén en países europeos como descontos en establecementos turísticos, no comercio local e os descontos tradicionais en cines, museos ou librarías.

Iniciativa Xove
A Xunta pon a disposición da xuventude galega programas e iniciativas que lle permitan desfrutar desta etapa vital ao tempo que se abren camiño e gañan en independencia. Mostra diso é a oferta de ocio e tempo libre que impulsa cada ano a través da campaña de verán ou dos programas Primavera e Outono Xove; do programa Xuventude Crea; ou o Xuventude Mentoring, que lle permite aos mozos galegos ter un primeiro contacto co mundo laboral.

A conselleira apuntou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe mesmo unha nova convocatoria de axudas do programa Iniciativa Xove, que fomenta o espírito emprendedor da mocidade con axudas de ata 5.000 euros para facer realidade os seus proxectos. A Xunta leva investidos nos últimos anos 6,7 millóns de euros nesta iniciativa, que xa beneficiou a 8.000 mozos galegos.