Un total de 61 persoas solicitou a súa participación no nivel A1 da lingua de signos que oferta a Concellaría do Desenvolvemento Local da Pobra do Caramiñal. O límite de participación establecíase nas 20 prazas por grupo (quenda de mañá ou de tarde), pero, por causa da alta demanda, a edil Amparo Cerecedo (BNG) informa de que, garantindo o correcto transcurso e calidade das clases, se admitirán tódalas inscricións para que ninguén quede fóra.
Cerecedo incide en que este volume de peticións “corrobora a importancia desta oferta formativa que lanza a Administración local para favorece-la comunicación e a inclusión, ademais de consolida-la aposta polos certificados de profesionalidade”, polo cal se seguirá así co proceso de homologación dun espazo municipal para tal fin.
O curso será impartido pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia ós luns e ós mércores do período comprendido entre o día 15 de febreiro e o 22 de maio, na aula multiúsos da Casa da Mocidade.
Abordaranse seis unidades didácticas con contidos gramaticais, léxicos, socioculturais e pragmáticos propios do nivel básico.