Os equipos que estiveron filmando por todo San Sadurniño a principios do pasado mes de setembro ultiman nestes días as versións finais das curtametraxes que fixeron dentro do encontro audiovisual Chanfaina Lab, recente premio José Sellier da Academia Galega do Audiovisual. O resultado do seu traballo e do seu xeito de mirar o noso territorio poderemos velo o sábado 11 de febreiro a partir das 17:30h na Casa da Cultura nunha gala conducida polo presentador Paco Lodeiro e a concelleira Araceli Bellas.
A sétima edición do Chanfaina dará de si 22 pezas nas que se implicaron preto de medio cento de cineastas locais e doutras partes de Galicia e do Estado, quen nos ofrecerán distintas interpretacións de San Sadurniño, todas elas sorprendentes.
O listado de participantes compóñeno os venideros e venideras Ariadna Silva, Claudia Pineda, Celia Parra, Dani Viqueira, Domingo Díaz, Raquel Álvarez, Rubén Coca, Sofía Naseiro, Toño Chouza e Xavier Villaverde.
Nomes cunha longa traxectoria no mundo audiovisual que compartirán escenario e pantalla cos valores locais do colectivo NaraíoMedia, The Sun Girls, Carmen Bouza, Carmen Couce, Consuelo Picos, Cruz Piñón, Kevin Lorenzo, Fran Bermúdez, Abel Vega, Ángela Arnosa, Ary López e Bieito Beceiro, ademais das promesas máis novas: Andrea Fernández, Andrea Pena, Pablo Martínez e Paula Vilariño.
O programa comezará ás 17:30h coas habituais presentacións e a entrega das Lolas Chanfaineiras -o noso agasallo autóctono para todas as persoas participantes- para, deseguido, comezar a maratón de curtametraxes, que en total suman 143 minutos. Por esta razón o evento terá dous descansos de 15 minutos con intención de non pasar moito das 21:30h.
A entrada na estrea das curtas do Chanfaina Lab é gratuíta e non se require reserva previa, aínda que as portas se pecharán cando se complete o aforo da Casa da Cultura.
Quen non poida asistir debe saber que a partir da semana seguinte, como é tradición no encontro, irá estreándose unha curta cada venres na canle de youtube de Fálame de San Sadurniño, xunto cunha breve sinopse e unha reseña biográfica e artística da súa autora ou autor.
O Chanfaina Lab é un proxecto promovido polo Concello de San Sadurniño coa colaboración da Deputación da Coruña. Desde a súa primeira edición, no 2014, o encontro converteuse nun dos referentes do cine galego, avalado tanto pola participación de nomes destacados do noso audiovisual como polos premios colleitados na súa breve historia, entre eles o José Sellier da Academia Galega do Audiovisual.
A cita recuperou en 2022 o seu formato presencial tras dous anos interrompida por causa da pandemia. Volve con máis vigor ca nunca: cun total de 22 producións que ampliarán o catálogo do encontro ata practicamente as 150 pezas. Títulos onde o tema principal sempre é San Sadurniño -desde a mirada á historia, ao presente ou ás paisaxes físicas e humanas- que, ademais, tamén teñen colleitado galardóns en festivais de ámbito estatal e internacional.