O Concello de Moeche acaba de finalizar o procedemento de avaliación das ofertas presentadas para levar a cabo as obras de mellora da pista entre a Ponte do Sur e Vigo, co obxectivo de botarlle un novo firme aglomerado que ofreza maior seguridade e durabilidade, ademais de incrementar o ancho medio de todo o percorrido até os 5,2 metros. A adxudicación definitiva recaeu na empresa Explotaciones Gallegas S.L., cunha oferta de 110.474 euros -IVE incluído- e un prazo de execución de catro meses. Repararanse case dous quilómetros desde a estrada provincial DP-4907 ata o límite con San Sadurniño, que tamén ten xa contratado un proxecto coas mesmas características técnicas para completar o acondicionamento doutros 2,1 km desta mesma vía, principal eixo de comunicación polo sur entre os dous municipios. Tanto as obras de Moeche como as de San Sadurniño contan con financiamento provincial.
Da banda de Moeche vanse reparar exactamente 1.930 metros do trazado comprendido entre o remate da DP-4907, na Ponte do Sur, e o lugar de Vigo, no límite co concello veciño. Ao longo desa distancia farase unha limpeza previa da estrada, xunto coa das cunetas e das canalizacións transversais existentes en varios puntos. Posteriormente estenderase unha capa de firme aglomerado que ofreza maior comodidade na marcha, mellor adherencia en mollado, máis capacidade de drenar a auga da chuvia e tamén maior durabilidade. O remate da obra consistirá no pintado e colocación de sinalización horizontal e vertical adaptada ás novas características da vía, que levará de comezo a fin unha largura media de 5,2 metros, incluído o paso por Penas Albas onde na actualidade o ancho é de tan só 4,3 metros.
O aglomerado desta estrada de comunicación -que San Sadurniño tamén reparará polo seu lado entre Vigo e A Camba- é un proxecto que se tiña previsto levar a cabo por medio dun convenio nominativo subscrito entre a Deputación da Coruña e os dous concellos. Finalmente ambos consistorios trasladárona ao Plan Adicional 02/2022 en dous proxectos separados que se prevén executar de maneira coordinada para que todo o eixo se arranxe ao mesmo tempo.
Á licitación aberta polo Concello de Moeche presentáronse catro empresas do sector. Unha delas achegou unha proposta económica anormalmente baixa que non xustificou debidamente -algo que esixe a normativa de contratación pública-, de modo que a proposta da Mesa de Contratación, ratificada pola Xunta de Goberno Local, recaeu na segunda oferta mellor puntuada, a de Explotaciones Gallegas S.L., por importe de 110.474 euros, impostos incluídos, e un prazo de execución máximo de catro meses. Nos próximos días a adxudicataria deberá asinar o contrato e liquidar a os 3.156,08 euros da taxa correspondente á dirección da obra e a coordinación de seguridade.