Saturday 16 de November de 2024

O turismo recupérase plenamente en Santiago ao superar por primeira vez o millón e medio de pernoctacións


No 2022 marcáronse novos máximos turísticos na cidade, tanto en pernoctacións como en pasaxeiros no Aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro e no número de Compostelas entregadas.

O ano 2022 foi o ano da plena reactivación turística da cidade, segundo afirmou o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, nunha rolda de prensa celebrada no Pazo de Raxoi na que fixo balance dos principias datos turísticos do ano pasado e na que estivo acompañado pola xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil.

Sindo Guinarte destacou que no 2022 a cidade marcou tres máximos históricos nas principais variables turísticas da cidade, superando os datos do ano 2019 e confirmando a forza da recuperación turística de Santiago. O concelleiro destacou que estes tres máximos históricos confirman que a cidade soubo aproveitar a oportunidade que brindou a prórroga do Ano Santo no 2022.

En concreto, apuntou que os datos do INE do mes de decembro confirman que Santiago superou por primeira vez no 2022 o millón e medio de pernoctacións nos establecementos hoteleiros da cidade, con 1.510.915. Ademáis, tamén no 2022 superáronse por primeira vez os tres millóns de pasaxeiros no Aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro. E por primeira vez se superaron as 400.000 Compostelas entregadas na Oficina de Acollida ao Peregrino.

Santiago foi con diferencia o destino galego con maior número de pernoctacións no 2022, confirmando que é o principal atractivo turístico da comunidade. Fronte ao millón e medio de pernoctacións de Santiago, A Coruña tivo 896.020, Vigo 895.480 e Sanxenxo 821.396. Santiago tamén liderou o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Tras Santiago veñen Córdoba, con 1.412.214 pernoctacións, e Salamanca, con 1.073265. O resto das quince cidades do grupo non chegou a millóns de pernoctacións.
Pola súa parte, o aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro consolidouse como o aeroporto de referencia de Galicia, ao superar por primeira vez os tres millóns de pasaxeiros. En concreto, chegou os 3.236.619, cun crecemento do 11% respecto do 2019, sendo o segundo de España con mellor comportamento no 2022. Pola contra, os aeroportos de A Coruña e Vigo quedaron por debaixo do millón de pasaxeiros e dos datos que tiñan antes do Covid-19. De tal xeito que a cuota do Aeroporto de Santiago en Galicia chegou ao 63%.

O sector de Congresos, Xornadas, Eventos e Incentivos tivo tamén unha importante recuperación no 2022, especialmente no último cuatrimestre do ano. A primeira parte do ano estivo aínda condicionada polo Covid-19. Pero o último cuatrimestre do ano reactivouse plenamente, con 50 eventos de setembro a decembro.

Mellor balance económico de España

Todo este crecemento foi superior tanto en volume como en impacto á media española. Así, segundo Exceltur, entidade privada composta por 33 das empresas máis relevantes do sector turístico de España, Santiago foi o destino urbano con mellor balance económico respecto do ano 2019. Así, Santiago foi o destino urbán de España con maior incremento nos ingresos por habitación dispoñible, cun crecemento do 23%.

Ademais todo este crecemento foi acompañado por unha forte aposta pola calidade, que se concretou en que a Secretaría de Estado de Turismo recoñecese a Santiago con tres premios polo noso traballo en fomento da calidade: Premio ao Mellor destino SICTED de España; segundo premio na categoría de “Proxectos de Mellora de destino SICTED”; e terceiro premio na categoría de “Mellor actuación de sostibilidade” para as Casas do Cebro e de Afora.

En base aos datos oficiais, no 2022 prodúxose unha evolución do modelo turístico de Santiago consolidándose un modelo que aposta pola rendabilidade económica, pero tamén pola calidade da oferta e a sostibilidade do sector; e dicir, un modelo turístico de calidade, segundo apuntou o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte.