As persoas recuperan a propiedade das súas parcelas e deixan de estar en situación irregular despois do diálogo aberto neste mandato co Goberno de Inés Rey
O Concello da Coruña acadou un acordo coas persoas que residen nos inmobles localizados nas parcelas da marxe dereita do parque de vivendas do Ofimático, xunto á avenida de Alfonso Molina. A alcaldesa, Inés Rey, xunto co concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, anunciou hoxe esta medida, que pon solución a un conflito que se prolonga desde o ano 2007.
A disputa, que afecta a tres propietarios, vén derivada do Proxecto de Reparcelación do Plan Parcial do Ofimático, asinado no ano 2007 e polo cal as parcelas situadas na marxe dereita de Alfonso Molina pasaron a ser solo municipal e estaba previsto que fosen destinadas a servizos públicos. As persoas propietarias decidiron entón subscribir o acordo para substituír os seus terreos por metros cadrados edificables dentro do polígono situado na marxe esquerda da avenida, no actual barrio de Xuxán. O proxecto orixinal contemplaba, ademais, a creación dun viaduto que conectase ambos os lados do polígono, que non se chegou a executar.
As persoas afectadas pediron desde entón a devolución da propiedade das súas vivendas, renunciando ao acordo. Desde entón, viven de maneira irregular nestas parcelas, xa que se trata de solo de titularidade municipal. “Grazas ao diálogo que se mantivo coas persoas afectadas durante este mandato, conseguimos chegar a un acordo e estas familias recuperarán a titularidade das parcelas onde teñen as súas vivendas”, sinalou Inés Rey.
Este acordo coas persoas afectadas, ademais, evita posibles incompatibilidades co avance da urbanización do barrio de Xuxán, que conta cun orzamento de 11 millóns de euros. No barrio xa se plantaron máis dun milleiro de árbores e hai 16.000 metros cadrados de zonas verdes e varios espazos de xogo e lecer.
As parcelas da marxe dereita de Alfonso Molina, que volverán a ser de propiedade privada, continuarán formando parte do desenvolvemento urbanístico do polígono do Ofimático. “Foi este Goberno municipal o que atopou, tras máis de 15 anos de conflito, unha solución
definitiva a esta situación, evitando que estas persoas continúen vivindo de xeito irregular”, apuntou Inés Rey, que agradeceulle ás persoas afectadas a á Concellaría de Urbanismo o traballo realizado para chegar a este acordo.