Inscricións abertas no certame, que terá lugar o venres 17 de febreiro
Tralos últimos anos marcados pola pandemia, Nedarecupera neste 2023 o seu Festival de Comparsas. Celebrarase o venres 17 de febreiro, e o Concello incentivará a participación cunha axuda de 250 euros por comparsa participante e de 150 euros por grupo. Así mesmo, entre todas e todos – comparsas e grupos- que ofrezan algunha actuación nos lugares determinados polo Concello esa xornada en horario de 18 a 20 h, repartiranse 700 euros. Obxectivo: aumentar o ambiente festivo a pé de rúa.
Así, o número máximo de comparsas será de 8, segundo a orde de presentación de solicitudes no rexistro xeral do Concello ou telematicamente, dende hoxe e ata o 9 de febreiro incluídos, en horario de 9:00 a 14:30 horas.
As letras das cancións terán que ser obligatoriamente en galego, e un dos temas a interpretar, versará necesariamente sobre Neda ou figuras da vila. Así, todas as formacións participantes deberán concentrarse ás 20:00 horas do 17 de febreiro na Avenida de Castelao para iniciar dende este punto o pasarrúas cara o polideportivo de Neda, onde ofrecerán as súas actuacións nun escenario habilitado ao efecto. As tres mellores recibirán o correspondente galardón.
As bases da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de hoxe, e toda a documentación está dispoñible na web municipal.