As comparsas que desexen participar no Festival de Comparsas de Narón organizado polo Padroado da Cultura deberán anotarse dende mañá ata o venres 3 no Pazo da Cultura –de 9.00 a 14.00 horas-. Neses tres días formalizaranse as inscricións das formacións que actuarán no desfile e certame que se desenvolverá o 18 deste mes, sendo preciso presentar unha copia das letras que interpretarán e dar os datos dun representante da formación. As comparsas sairán ás 17.00 horas da praza da Gándara en dirección á pista polideportiva da Solaina, onde sobre as 18.00 dará comezo o festival.
En total poderán participar dez comparsas, sete de Narón e tres doutros concellos, que recibirán 800 e 400 euros, respectivamente en función da procedencia, como axuda económica. Cada comparsa debe ter un mínimo de quince integrantes, na maioría con máis de 14 anos e poderán actuar durante un tempo que non superará os dez minutos. Cancións sobre temas locais e en galego son dúas das premisas que terán que seguir os participantes, cuxas actuacións valorará un xurado profesional que puntuará: a orixinalidade dos disfraces, o enxeño da crítica, a calidade musical e o que cada actuación supoña de recuperación do Entroido en Galicia. Levarán unha figura conmemorativa do Entroido as tres comparsas que obteñan a puntuación máis elevada.