A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, supervisou hoxe os traballos que se veñen de rematar acompañada pola alcaldesa, Teresa Villaverde
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá Lousame para supervisar xunto coa alcaldesa, Teresa Villaverde, o proxecto de reparación de varios camiños rurais que se ven de rematar no concello. Trátase dunha actuación enmarcada dentro do Plan marco de mellora de camiños rurais de titularidade municipal correspondente ao exercicio 2014-2015, impulsado pola Consellería do Medio Rural. Deste xeito, o concello dispuxo dunha achega de 102.720,52 euros para realizar estas intervencións.
Os traballos leváronse a cabo nas vías que unen Seixido e Filgueira, Seixido e Ces, o cruce de Arxellas e Camboño e Mirón e Lesende. En total, a actuación cubre unha lonxitude que acada os catro quilómetros de pistas de carácter municipal, onde se acometeu a mellora da capa de rodadura, tratamentos asfálticos superficiais, a limpeza e perfilado de cunetas e arranxo das fochas existentes nalgún dos casos.
Do Campo apuntou que o obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo intervencións que favorezan o desenvolvemento rural e o asentamento da poboación neste entorno. Segundo salientou, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.
A delegada territorial tamén subliñou que se trata de medidas que se levan a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e os concellos, neste caso o de Lousame. Neste senso, amosouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”.
Características das obras
No Camiño de Seixido a Filgueira procedeuse á limpeza de gabias en ambas marxes e mellora da capa de rodaxe nun tramo de 170 metros, cun ancho de 4,5 metros. Sobre el aplicouse un tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes ao 20% da superficie. Así mesmo, aplicouse un tratamento asfáltico semiprofundo na ampliación da calzada 0,5 metros a cada lado.
No Camiño de Seixido a Ces actuouse sobre unha lonxitude de 1.205 metros e un ancho de 5 metros, onde se procedeu á limpeza de gabias en ambas marxes e mellora da súa capa de rodaxe. Sobre esta plataforma aplicouse un tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes ao 5% da superficie.
No camiño de Mirón a Lesende limpáronse as gabias e mellorouse a capa de rodaxe ao longo dun 1.885 metros, aplicando un tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, de 4,5 metros de ancho. Tamén se bacheou e se perfilaron as mordentes nun 2% da superficie, ampliando a calzada en 0,5 metros a cada lado.
Finalmente, tamén se actuou nos 645 metros do camiño entre o cruce de Arxellas e o límite do Concello de Lousame, na parroquia de Camboño. Neste caso procedeuse á limpeza das gabias e a aplicar un rego de selado en toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes ao 5% da superficie. Aplicouse un tratamento asfáltico semiprofundo e ampliouse a calzada, orixinariamente de 5 metros, ata os 6,5 metros (ampliando 0,75 metros a cada lado).