Dous deles están reservados para o alumnado do IES Fernando Esquío, e o terceiro, para o público en xeral, terá lugar xoves ás 20 h na Casa da Cultura
Elefante Elegante trae esta semana a Neda a súa última montaxe, “Alma de Tigre”. A historia dunha familia encerrada nunha casa destartalada a través de cuxas gretas se filtran os segredos do pasado e dunha herdanza envelenada, na que os personaxes rebélanse contra un mundo do que xa non poden escapar. O Concello, co apoio da Xunta, programa na Casa da Cultura tres funcións. Este mércores e xoves ás 12:15 horas, dirixidas exclusivamente ao alumnado do IES Fernando Esquío, namentras que o xoves 2 de febreiro ás 20:00 horas terá lugar unha terceira representación para o público en xeral. Neste caso, a entrada deberá adquirirse ao prezo único de 2 euros, e pode facersse dende xa na Biblioteca -en horario de 9:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas-.
A obra, protagonizada por Julia Laport, María Torres, Pablo Sánchez e Mario Rodríguez, transita entre as artes visuais, a danza e o cine mudo, e materialízase en forma de pintura viva inspirada en autores tan diversos como Gustav Klimt, Sandro Botticelli ou Caravaggio.