Iván Roca, portavoz municipal do BNG: “A música debe ser sinónimo de espazo seguro, acollida e liberdade. Propomos ao noso Concello que, ademais de canteira de artistas, exerza tamén de porto refuxio, na súa mellor tradición”
O BNG de Oleiros súmase ás voces que nas últimas horas teñen expresado a súa preocupación ao coñecerse a negativa do goberno municipal tránsfuga de Sada a seguir apoiando a celebración do Festival Touliña Pop, toda unha referencia da música pop e rocknroll na nosa comarca, con proxección nacional e mesmo internacional, que se vén desenvolvendo no mes de maio no veciño concello de Sada durante os últimos anos .
Aínda sabendo que os promotores do Touliña xa se están a mover contra reloxo buscando unha solución, o BNG de Oleiros vaille propor formalmente ao goberno municipal que o noso municipio acolla, provisionalmente, o Touliña Pop este mes de maio coa finalidade de que a cita musical poida seguir celebrándose dentro da nosa comarca, cando menos no lugar máis próximo posíbel ao seu “espazo natural”.
“Oleiros ten sido sempre unha excepcional canteira de artistas e de aquí teñen saído grandes iniciativas musicais, como a que no seu día foi o Mera Rock, logo o Basticore e, máis recentemente, o Rockandroleiros, grazas ao nacemento da Asociación Musicoleiros”, salienta Iván Roca, portavoz municipal do BNG. “Ao mesmo tempo o noso Concello ten unha longa tradición de apoio á cooperación e de práctica da solidariedade. Acoller provisionalmente o Touliña sería ensamblar esas dúas tradicións”.
O festival xa é unha referencia de toda a comarca, un referente musical da primavera na Galiza, alén dun motor claro de fomento do turismo e cunha notoria influencia positiva en toda a hostalaría de Sada. Así pois, a aposta do BNG é que sexa e seguirá sendo un Festival de Sada. Trátase de que o lamentábel período tránsfuga de cinco meses que o concello veciño está a vivir non impida en nada o desenvolvemento pleno da cidadanía e dos seus movementos sociais e culturais de Sada. Todas co Touliña Pop, todas con Sada!!!