Friday 22 de November de 2024

A exposición “Xuventude Crea, máis dunha década” da Xunta remata con máis de 35.000 visitas recollidas e un coloquio final


— O centro Mans da Fundación Paideia é a última localización desta exhibición itinerante que recalou en 11 localidades galegas

— Desde o 2021 pasou por Ribeira, Lalín, Vigo, Tui, Pontevedra, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Ferrol, Noia e agora A Coruña

A exposición itinerante Xuventude Crea, máis dunha década da Xunta pecha o seu percorrido cun coloquio no centro Mans da Fudación Paideia, onde se emprazou no último mes. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu á charla que cerra a mostra, moderada pola comisaria da exposición, Alexandra Rodríguez Rey, e na que participaron catro dos artistas gañadores: Sofía Rivas, Noelia Tojeiro, David Catá e Eva Antelo.

Desde que comezou o seu percorrido, en maio do 2021, esta exposición, que está conformada por diferentes traballos de mozas e mozos galegos que participaron no programa Xuventude Crea da Xunta de Galicia que promove o talento e a creatividade da mocidade galego, recibiu máis de 35.000 visitas.

Durante este tempo pasou polo mercado municipal de Ribeira, polo Espazo Xove de Lalín, polo Museo do Mar de Galicia en Vigo, polo Espazo Xove de Tui, polo Café Moderno de Pontevedra, pola biblioteca pública de Lugo e Ourense Nós, polo Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, pola sede Afundación Abanca en Ferrol e polo Espazo Xove de Noia.

O programa Xuventude Crea leva trece anos premiando a creatividade da xuventude galega. Máis de 4300 persoas entre os 18 e 30 anos de idade levan participado nas catorce edicións que se teñen celebrado ata a data de hoxe, a través das que se difundiron arredor de 3200 obras e proxectos creativos. Ademais de dalas a coñecer a través desta exposición itinerante, todas as creacións premiadas ao longos dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recen estreado: www.museoxuventudecrea.gal.

Éxito da última edición
A última edición contou coa participación de 350 artistas que presentaron 280 obras. As disciplinas que se premiaron foron: teatro, música, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprendeu as modalidades de pintura e escultura).