● A obra, que conta cun orzamento de 21.174,04 euros, será financiada nun 75% polo Concello de Miño e o importe restante asumirao Vilarmaior.
● A ampliación da rede de sumidoiros discorre en maior parte polo termo municipal de Vilarmaior e conectarase á rede existente no núcleo de Ou Tres.
● O encontro aproveitouse para referendar a renovación do acordo para compartir técnico de deportes.
O alcalde do Concello de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, e o do Concello de Vilarmaior, Carlos Vázquez, asinaron hoxe un convenio de colaboración co obxectivo de dotar de saneamento ás vivendas do núcleo da Tolda, na parroquia miñense de Bemantes e limítrofes co núcleo de Ou Tres de Vilarmaior.
O acordo, selado no salón de plenos da casa do concello de Miño, reflicte que as obras, que contan cun orzamento de 21.174,04 euros, estarán financiadas nun 75% polo Concello de Miño e o importe restante asumirao o Concello de Vilarmaior.
Os traballos consisten na ampliación da rede de saneamento en lugar da Tolda ata a súa conexión coa rede xeral existente no lugar de Ou Tres. Esta ampliación discorre na maior parte do trazado, na AC-160, polo termo municipal de Vilarmaior e prevese instalar a rede de sumidoiros polo bordo interior da beirarrúa, coincidindo co trazado da rede de abastecemento.
Técnico de deportes
O encontro tamén se aproveitou para referendar a renovación do convenio entre os dous municipios para compartir o técnico de Deportes, que está adscrito ao cadro de persoal do Concello de Vilarmaior.
Así, esta persoa prestará os seus servizos os luns, mércores e venres en Miño e os martes, xoves e sábado en Vilarmaior. O convenio especifica que Miño abonará a Vilarmaior o 50% dos custos salariais e de seguridade social do técnico, que ascenden a 17.642 euros.