A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou hoxe o proxecto de “acondicionamento das pistas deportivas da Avenida Rodríguez de Viguri”, cun orzamento base de licitación de 251.785,74 euros (208.087,39 euros máis 21% IVE). 47.880,10 corresponderían á primeira fase de acondicionamento da pista 1; e 203.905,64 euros á segunda fase, de acondicionamento das pistas 2 e 3. Dos acordos adotados informou, en rolda de prensa, o alcalde de Santiago, Xosé Sanchez Bugallo.
O obxectivo principal desta actuación, segundo explicou a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, que compareceu xunto ao alcalde, é a reparación das pistas deportivas municipais para a práctica do deporte. A intervención consiste, básicamente, na mellora do pavimento, co levantamento e reparación do firme actualmente en mal estado e desnivelado; a evacuación das augas pluviais co fin de evitar humidades e apozamentos nas pistas; a reposición do equipamento e peche perimetral das instalacións; o corte, traslado ou poda, no seu caso, do arborado da avenida que invade as instalacións deportivas; e a colocación dunha nova iluminación LED axeitada para a práctica do deporte.
Con este obxectivo, demolerase a soleira existente, adecuarase a base e botarase un novo firme continuo poroso de formigón que permita a infiltración de auga ao terreo e evite os saltos de niveis actuais. A instalación pecharase cun cerramento de malla simple torsión, colocándose portas nas dúas zonas de entrada á zona deportiva. Actuarase tamén sobre o sistema de pluviais, recolocando á nova cota das beirarrúas perimetrais as arquetas existentes para evitar a entrada de auga nas pistas. Polo que respecta á nova iluminación, está prevista a instalación dunha columna galvanizada de catro metros de altura, incluída cimentación, toma de terra, cableado e conexión ao alumeado existente. Tamén está contemplada a retirada de arborado e plantación de arbustos no noiro de separación coa Avenida Rodríguez Viguri, a limpeza das bancadas e dos muros existentes; e a instalación de novo mobiliario deportivo.
Outros acordos
A Goberno Municipal tamén deu luz verde ao expediente de licitación denominado “Autorización para a ocupación de vía pública para colocación de postos de atraccións na alameda durante as festas da Ascensión e do Apóstolo, e acordou abrir un procedemento aberto de adxudicación, establecéndose un canon mínimo de 219.180 euros.
Aprobouse ademais, a licitación do “Servizo SaS (software como servizo) de interconexión de rexistros (SIR) entre o Concello de Santiago de Compostela e o resto de Administracións Públicas” cun orzamento base de licitación, a tres anos, de 32.670 euros.
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o gasto do concurso “Decoración de Nadal veciñal do Concello de Santiago de Compostela” por importe de 2.000 euros. E a solicitude dunha subvención de 10.000 euros á Deputacióin da Coruña para o mantemento da Escola Municipal de Música de Santiago durante o ano 2023.
Por outra banda, acordouse que o Concello de Santiago participase na Rede Europea de Cidades Universitarias. En concreto, aprobouse a carta constitutiva desta Rede adoptada en Bruxelas o 13 de maio de 2022 e autorizouse á Concellería de Educación, Mocidade e Política Lingüística a “adoptar as actuación necesarias que sexan da súa competencia para a execución dos acordos tomados como resultado da participación na Rede Europea de Cidades Universitarias”.