Friday 22 de November de 2024

A Cidade da Cultura inaugura unha mostra bibliográfica sobre María Antonia Dans coa que conmemora o Día da Ilustración


— A exposición ‘María Antonia Dans, a maxia da cor’ é a proposta central do Goberno galego para conmemorar a efeméride que se celebra hoxe

— Reúne na Biblioteca de Galicia máis de 30 pezas entre libros, debuxos, prensa e revistas, na súa meirande parte orixinais

— O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destaca “a importancia de recuperar a figura dunha creadora tan prolífica que plasmou o seu talento na pintura, na ilustración ou mesmo no deseño téxtil”

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou esta mañá na Biblioteca de Galicia a exposición María Antonia Dans, a maxia da cor, a proposta central na programación da Xunta para celebrar o Día da Ilustración. A mostra bibliográfica, que pode verse na entrada deste edificio da Cidade da Cultura ata mediados de maio, reúne máis de 30 pezas entre libros, debuxos, prensa ou revistas.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sinalou que con estes fondos propios da Biblioteca de Galicia “preténdese pór en valor a obra desta artista con estilo e graza característicos, que foi alumna de Lolita Díaz Baliño”. Ademais, o director xeral de Cultura destacou “a importancia de recuperar figuras como a de María Antonia Dans, unha creadora moi prolífica que plasmou o seu talento na ilustración, na pintura, no gravado ou mesmo no deseño téxtil”.

Entre as máis de 30 pezas da exposición, comisariada pola técnica da Biblioteca de Galicia, Rosario Crespo, atópanse algunhas das ilustracións máis destacadas de María Antonia Dans, como as que realizou para o conto La Tata, de Carmen Marín Gaite, ou as dos libros da editorial Doncel La aventura del Serpiente Emplumada ou La isla de las tortugas. A mostra está composta na súa meirande parte por publicacións orixinais e compleméntase con algunhas reproducións extraídas doutras bibliotecas virtuais.

O acto contou coa presenza da subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro, Cristina Rubal; a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; a presidenta da Asociación Galega de Profesionais de Ilustración, Laura Romero, e a xefa do Servizo da Biblioteca de Galicia, Noelia Bascuas.

Sobre María Antonia Dans
María Antonia Dans (Oza dos Ríos, 1922- Madrid, 1988) pasa a súa infancia en Curtis, rodeada dunha paisaxe que estará moi presente na súa obra. En 1939 trasládase á Coruña, cidade onde empeza a desenvolver a súa faceta artística grazas a Lolita Díaz Baliño, a súa mestra durante cinco anos. Na cidade herculina realiza en 1950 a súa primeira exposición, compartida coa súa compañeira de clase Gloria de Llano.
En 1952 múdase a Madrid, onde asiste a clases por libre na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e no Círculo de Bellas Artes, o que supón un salto cualitativo na súa formación. O seu interese por seguir perfeccionando a súa técnica e os seus coñecementos artísticos levaraa a Italia, despois de obter diversas bolsas de formación do Ministerio de Educación Nacional e de Asuntos Exteriores e da Fundación Juan March.
Na década dos 60 María Antonia Dans destaca entre as ilustradoras polas que apostaron editoriais como Doncel ou Susaeta e a partir de 1970 acompaña os textos da colección Guías Everest.
A súa arte conquistou éxitos en España, con numerosas exposicións en cidades como Madrid, Santiago, Bilbao ou Lanzarote. Tampouco faltaron os logros no estranxeiro, onde expuxo en urbes coma Nova York, Buenos Aires, Berlín, París ou Stuttgart.