Impulsado por Turismo de Galicia, en colaboración co Clúster de Turismo e a Escola de Negocios Afundación, esta acción formativa contribuirá á modernización do sector na nosa comunidade
O Centro Social de Abanca, en Santiago de Compostela, acolleu esta mañá a primeira xornada do Programa de Desenvolvemento Directivo impulsado por Turismo de Galicia, en colaboración co Clúster de Turismo e a Escola de Negocios Afundación.
O obxectivo desta acción formativa é mellorar a formación do sector turístico galego contribuíndo, así, á súa modernización.
O programa incide na formación e mellora da cualificación dos equipos humanos do sector turístico galego, con especial énfase nos cadros directivos das empresas, ofrecendo unha formación de alta calidade cunha metodoloxía práctica.
Deste xeito, este curso, do que se benefician de forma gratuíta directivos do sector turístico e pertencentes ao Clúster do Turismo de Galicia, permitiralles dotarse de ferramentas e habilidades propias dun sector moderno, competitivo e de calidade.
A inauguración do curso contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González.
Durante o mesmo, a responsable de Turismo da Xunta destacou que este curso constitúe un novo pulo á colaboración público-privada que se está a producir asiduamente no sector turístico de Galicia.
Nava Castro afirmou que dende Turismo de Galicia apóstase por un tecido empresarial formado por empresas e profesionais turísticos competitivos. Neste senso, destacou a posta en marcha de numerosas iniciativas orientadas á formación especializada en cada un dos diferentes ámbitos do sector turístico de Galicia. Entre outras accións, a directora de Turismo de Galicia fixo referencia á Escola de Turismo Itinerante impulsada co obxectivo de facilitar o acceso a unha formación a medida e incrementar, así, a calidade do sector turístico galego.
Unha temática diferente en cada unha das seis xornadas
O programa, que se desenvolverá integramente no Centro Social Abanca de Santiago de Compostela, abordará unha temática diferente en cada xornada de 8 horas de duración cada unha.
Nelas trataranse aspectos considerados prioritarios para a mellora da xestión das empresa como o márketing dixital, o liderado ou a procura da excelencia no trato ao cliente, entre outros aspectos.
A formación, a cargo do profesorado da Escola de Negocios de Afundación, foi creada de maneira específica para este curso, abordando cada tema desde unha óptica xerencial. A segunda das xornadas terá lugar o próximo 27 de outubro, ás que seguirán as sesións dos días 10, 17 e 24 de novembro e e 1 de decembro de 2015.