― Na categoría de Infantil, Primaria e Educación Especial resultaron galardoados o Centro Rural Agrupado Mestre Manuel Garcés (Tomiño) e os colexios Ponte dos Brozos (Arteixo), Virxe da Barca (Muxía) e Xesús San Luís Romero (Carballo)
― En Secundaria os premios foron para os institutos de Ponte Caldelas e Praia de Barraña (Boiro), o centro público integrado Poeta Uxío Novoneyra (Folgoso do Courel) e o centro de educación e promoción de adultos do centro penitenciario da Lama
― O obxectivo é poñer en valor o labor dos colexios e institutos que desenvolvan enfoques didácticos novidosos e promovelos como motor de desenvolvemento social
A Xunta de Galicia vén de recoñecer o traballo de oito centros educativos cos premios terceira edición dos premios Innovagal, que avalan o compromiso dos colexios e institutos coas boas prácticas en innovación educativa. O obxectivo é impulsar o desenvolvemento deste tipo de iniciativas e crear unha rede de colaboración entre os centros que fomenten a formación continua do profesorado. Así mesmo, búscase promover o papel da comunidade educativa e da innovación neste eido como motor de transformación social.
Os centros galardoados na categoría A, correspondente a Infantil, Primaria, Educación especial e aos o colexios rurais agrupados son, co primeiro premio, o CRA Mestre Manuel Garcés (Tomiño), co segundo o colexio CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo) e co terceiro premio o colexio CEIP Virxe da Barca (Muxía). O CEIP Xesús San Luís Romero (Carballo) recibe o accésit.
Na categoría B, correspondente a centros públicos integrados, institutos e centros públicos de educación e promoción de adultos, o primeiro premio é para o instituto IES de Ponte Caldelas (Ponte Caldelas), o segundo para o CPI Poeta Uxío Novoneyra (Folgoso do Courel) e o terceiro para o IES Praia Barraña (Boiro). O accésit recae no centro de educación e promoción de adultos do centro penitenciario da Lama, en Pontevedra.
CRA Mestre Manuel Garcés
A proposta do colexio rural agrupado Mestre Manuel Garcés, de Tomiño, céntrase na súa transformación a través da creación dunha escola aberta á comunidade, inclusiva e participativa, onde todos teñen cabida. A metodoloxía focalízase no alumnado, para que a súa aprendizaxe sexa activa e dinámica, desenvolva a súa autonomía, a súa intelixencia emocional, e potencie a comunicación asertiva ao mesmo tempo que se respectan os ritmos e tempos propios da infancia.
Para acadar estes obxectivos restrutúranse os tempos e os espazos, utilizando un método propio que recolle e adapta formas de traballar das metodoloxías Montessori, de Reggio Emilia, Waldorf e outras.
CEIP Ponte dos Brozos
O colexio CEIP Ponte do Brozos (Arteixo) leva anos desenvolvendo un proxecto propio, Arteixo-Innovación, que ten como piar fundamental a formación docente para aplicar as tecnoloxías en novos procesos de ensino-aprendizaxe de maneira reflexionada e creativa. Partindo desta base, créase unha contorna significativa de aprendizaxe a través de proxectos que xiran en torno ás novas tecnoloxías.
Deste xeito, a través da Intelixencia Artificial, a Realidade Aumentada e Virtual, a gamificación e a programación promóvese a adquisición de competencias por parte do alumnado e a integración das distintas áreas do currículo na súa aprendizaxe.
CEIP Virxe da Barca
O proxecto do colexio CEIP Virxe da Barca (Muxía) toma o centro como unha microsociedade transformadora na que todo o alumnado se ten que sentir incluído. Para conseguilo, reformulan a forma de traballar rompendo a inercia de aplicar metodoloxías mais tradicionais para iniciarse nunha metodoloxía activa e dinámica. Este cambio fomenta a autonomía e pensamento diverxente do alumnado e ten unha repercusión positiva na contorna favorecendo a participación das familias e do barrio.
Entre outras iniciativas (laboratorios creativos, patios activos…), desenvolven o proxecto Cretectura de innovación educativa pedagóxica a través da creación de espazos de aprendizaxe, que mesturan as artes e a pedagoxía para dar resposta a diversidade do alumnado.
CEIP Xesús San Luís Romero
O colexio CEIP Xesús San Luís Romero (Carballo) considera que o traballo en equipo e a formación do profesorado é o camiño necesario para emprender un cambio no centro, entendendo que a Innovación trae consigo a igualdade de oportunidades, a inclusión, a igualdade de xénero e a superación de prexuízos.
Para acadar estes obxectivos, o centro participa en numerosos programas que fomentan o traballo por proxectos a través de Plan Proxecta, o emprendemento dentro do programa Lanzadeiras-miniempresas, a educación emocional empregando distintos contratos-programa e a competencia dixital, a través de Digicraft.
IES de Ponte Caldelas
O IES de Ponte Caldelas desenvolve o proxecto Da terra á nube: o monte vivo, unha serie de accións coherentes e orientadas á defensa e promoción do espazo natural onde se sitúa o instituto, de tal xeito que o monte e o río Verdugo funcionan como fío condutor. A finalidade do proxecto é familiarizar ao alumnado coa xestión do monte como un moi importante elemento económico da comarca, para o que colaboran con outras institucións, como as comunidades de montes ou o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán.
A iniciativa comprende as accións Os meandros do río Verdugo, no que deseñaron e implementaron un sendeiro que percorre a área que teñen ao seu coidado e a participación en Plan Proxecta a través de Proxecto Ríos, Proxecto TERRA e Paisaxe e sustentabilidade. Ademais, a acción Polo río vai e vén: Tralas pegadas do Volframio incorporou a investigación histórica ao proxecto sobre os espazos naturais a través dunha mina da zona e acadou un premio sobre innovación en dinamización lingüística.
CPI Poeta Uxío Novoneyra
No caso do CPI Poeta Uxío Novoneyra (Folgoso do Courel) o centro convértese nun lugar que vai máis alá do labor docente. As circunstancias especiais da localización na montaña lucense inflúen directamente nas condicións nas que se desenvolve a experiencia educativa, de tal forma que o colexio suple necesidades no eido social e cultural.
Cómpre destacar a participación das familias e a implicación de toda a poboación nas actividades propostas polo centro, así como unha vocación evidente por realizar saídas nacionais e internacionais co alumnado de educación secundaria.
IES Praia Barraña
O IES Praia Barraña (Boiro) segue unha metodoloxía de aprendizaxe activa arredor dunha serie de medidas que buscan mellorar o desarraigo coa tradición e a memoria, contrarrestar os efectos da educación rápida e loitar contra a radicalización dos discursos excluíntes, os malos hábitos e o individualismo. Cabe destacar que o centro colabora con outras institucións, entre elas o centro de día co que desenvolven o Proxecto Amarre no que os maiores acoden ao instituto para traballar na horta escolar xunto co alumnado.
O instituto tamén oferta unha serie de actividades extraescolares que pretenden aportar unha alternativa cultural relacionada con que este instituto sexa o único centro da contorna que ten a modalidade de Bacharelato de Artes.
Centro de educación de adultos da Lama
O centro educativo da prisión da Lama, malia as súas particulares circunstancias, atopou a forma de participar en proxectos europeos, como eTwinning, a través do intercambio de correo postal con outros centros tanto en España como en Italia.
No tocante ás novas tecnoloxías, o centro participa no Plan Proxecta a través de Fotografía en curso. Como destaca o proxecto presentado, para moitos dos participantes o feito de volver a sentir nas súas mans unha cámara fotográfica ou posar para que lles saquen unha fotografía é unha experiencia case esquecida. Ademais, organizaron unha exposición con todos os traballos.