A intervención, que implica a substitución de máis de 7.000 metros cadrados de firme, levarase a cabo entre a rotonda do Ventorrillo coa rolda de Outeiro e a rúa Palomar, lindeira co parque de Santa Margarida
O Concello da Coruña, a través da Área de Infraestruturas, comeza este domingo 29, ás 23.30 horas, os traballos para a renovación integral do pavimento no tramo da avenida de Fisterra que conecta a contorna do Paseo das Pontes coa rotonda do Ventorrillo, no cruzamento coa rolda de Outeiro.
A intervención, que se iniciará co saneo para, posteriormente, estender as capas de MBC, supón actuar sobre máis de 7.100 metros cadrados de firme e está encadrada no plan municipal para o mantemento das calzadas da cidade. Abrangue dúas fases: a primeira, coa posta en marcha das obras entre a rotonda do Ventorrillo e o cruzamento da avenida de Fisterra coa rolda de Nelle, un tramo de 3.879 metros cadrados; e a segunda, desde este último punto ata o cruzamento da avenida de Fisterra coas rúas Paseo das Pontes e Palomar, a un paso do parque de Santa Margarida, un tramo que implicará a substitución doutros 3.297 metros cadrados de firme.
A previsión da Área de Infraestruturas é que os traballos teñan unha duración de tres semanas, a partir da medianoite deste domingo ao luns e comezando no tramo da avenida de Fisterra entre a rotonda do Ventorrillo e o cruzamento coa rolda de Nelle. Levaranse a cabo en horario nocturno, co obxectivo de que ocasionen a menor incidencia posible sobre o tráfico da avenida, e non lle afectarán, en todo caso, ao sentido da circulación dos vehículos en horario diúrno.
Continuidade ás melloras na avenida de Fisterra
Neste sentido, as obras para renovar o pavimento da avenida de Fisterra dan continuidade ás medidas de reurbanización xa executadas polo Goberno municipal na contorna desta vía. A finais do pasado mes de outubro, Infraestruturas rematou os traballos de mellora de accesibilidade entre a avenida de Fisterra e o Paseo das Pontes, consistentes na instalación dunha nova parada de autobús nun lugar máis accesible, a mellora da accesibilidade nos itinerarios peonís, a elevación dos pasos de peóns, a mellora do pavimento das beirarrúas e da calzada e a renovación das redes de saneamento municipais. Tamén se recolocaron as lámpadas e os semáforos existentes.