O primeiro pleno municipal deste ano 2023 tratou no serán de onte xoves un total de dez puntos durante algo máis dunha hora de sesión. Salvo en cuestións concretas que concentraron a maior parte do debate -a aprobación inicial da desafectación de dous camiños e a moción socialista sobre a mobilidade- o clima en que se desenvolveu podería cualificarse de tranquilidade dialéctica e de consenso maioritario, tal e como reflicte a aprobación por unanimidade da maioría dos asuntos. Un dos máis trascendentes para a vida municipal foi o apoio sen fisuras ao IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes que funcionará como guía da acción pública durante os próximos catro anos.
Na introdución do documento, presentado pola titular da área de Igualdade, Araceli Bellas, apúntase que o IV PIOMH “representa o firme compromiso de manter as políticas de Igualdade como unha liña estratéxica central na acción de goberno. Dando continuidade a un modelo de gobernanza, do que podemos afirmar con orgullo, que o feminismo e a inclusión constitúen xa un sinal de identidade das nosas políticas municipais”.
A concelleira agradeceu a participación da veciñanza e dos grupos políticos na definición das estrtexias que, segundo dixo, son resultado “dun proceso de reflexión colectivo, no que se implicou ao conxunto da sociedade de San Sadurniño: entidades sociais, culturais, deportivas e veciñais, grupos políticos, persoal municipal, veciños, veciñas e outros axentes sociais con papel destacado na vida municipal”.
O plan, que terá unha vixencia de catro anos, estrutúrase en catro grandes liñas que se traducen en obxectivos concretos e, dentro deles, accións que se deben poñer en marcha para acadalos así como o compromiso de achegarlles financiamento.
As principais epígrafes refírense á necesidade de proseguir coa integración da perspectiva de xénero en todos os ámbitos da Administración municipal, a promoción do empoderamento feminino e a participación da muller na vida social e política, o desenvolvemento de medidas que favorezan a conciliación relacionada tanto con fillos e fillas como co coidado de persoas maiores e dependentes e, por último, o reforzo de todas aquelas actuacións que axuden a erradicar calquera forma de violencia de xénero.
Xusto despois de votar o Plan de Igualdade, a corporación tamén aprobou a cuestión relativa á xustificación da axuda concedida por Augas de Galicia para a elaboración dunha auditoría sobre o estado da rede de abastecemento municipal. O estudo, xa redactado, apunta varias medidas correctoras que se deben aplicar para minimizar as perdas de auga e acadar unha xestión máis eficiente deste recurso. Un obxectivo no que todos os grupos estiveron de acordo, ao igual que o estiveron votando favorablemente o envío da documentación requirida polo ente autonómico para validar a xustificación da subvención.
Uns vinte minutos despois do comezo do pleno tratouse o punto da aprobación inicial do proceso de desafectación solicitado por INTASA para dous camiños situados á beira do peche norte da factoría. Concretamente, o que se someteu a votación foi o cambio da cualificación xurídica dos viais -que suman algo máis de 500 metros- para pasalos de bens de dominio público a bens patrimoniais do Concello, é dicir, coa mesma cualificación que calquera outro inmoble municipal.
O PP manifestou que ía absterse na votación e quixo saber cales serían as “contrapartidas” que obtería o Concello por parte da empresa, entendendo que a mudanza da cualificación das pistas non pode facerse “a cambio de nada”. O alcalde respostou que o asunto que se estaba tratando na sesión nese momento era unicamente o do inicio do procedemento de “desafectar os camiños”, incidindo en que “seguirán sendo públicos”, coa diferenza de que, ao estar desafectados, “poderán allearse” máis adiante.
O acordo saiu adiante cos votos favorables do BNG e do PSOE. Nuns días sairá no BOP o anuncio de exposición pública dando o prazo de un mes para presentar alegacións. Superado este tempo, o asunto volverá ao pleno, de ser o caso, para a súa aprobación definitiva.
Moción sobre a mobilidade
O outro tema que xerou amplo debate na sesión foi unha moción do edil do PSOE Lois Anxo Rodríguez, centrada nas críticas ao proxecto da Xunta de Galicia de construír un aparcadoiro disuasorio na zona da Casanova, ao carón do enlace coa AG-64. O texto incide na “pouca utilidade” do investimento autonómico -que se financiará con fondos Next Generation- e acusa á Xunta de “deslealdade institucional” e “falta de diálogo” por promover o proxecto “de costas ao Concello”. Considera o PSOE que o aparcadoiro “non permite enlazar o uso do vehículo particular nin co autobús nin co tren”.
Rodríguez engadiu que “tampouco existe demanda” da infraestrutura por parte da veciñanza, engadindo que “non suporá mellora algunha para a mobilidade dos nosos veciños e veciñas”. A proposta do concelleiro -apoiada só polo BNG e rexeitada polo PP- remata demandando a creación dunha mesa de diálogo que sirva para reforzar liñas e frecuencias do transporte público. Como emenda ao texto, o BNG solicitou instar á Xunta para que o transporte se axeite ás necesidades dos desprazamentos por motivos laborais e, sobre todo, por razóns de estudo, garantíndolles o traslado aos alumnos e alumnas de San Sadurniño e Moeche que teñen o IES Fernando Esquío de Neda como centro de referencia.
Rogos e preguntas
Na parte final do pleno entrouse no apartado de rogos e preguntas. A primeira intervención foi do edil socialista para felicitar á veciñanza do territorio ante o feito de que o proxecto do parque eólico Caaveiro non obtivese autorización ambiental e que, polo tanto, non se vaia executar.
O PP, pola súa banda preguntou pola duración da xornadas laborais coas que se convocou o proceso de estabilización de emprego no SAF. O alcalde explicou ao respecto que a aplicación do decreto de estabilización se está facendo coas xornadas laborais que hai na actualidade.
A última cuestión plantexada polo grupo popular inquiriu ao executivo local sobre os motivos de que non se limpen as cunetas “pasándolles a coitela, como se facía antigamente”. Secundino García asegurou que en San Sadurniño “nunca houbo un plan de limpeza de cunetas”, senón que ese labor vai facéndose “segundo a dispoñibilidade orzamentaria” e sempre que se fan reparacións viarias.