Friday 22 de November de 2024

O pleno da Deputación aproba a moción de Alternativa pola venda da parcela do parque comarcal de bombeiros


O pleno da Deputación aprobou a moción de Alternativa dos Veciños mediante a que se denunciaba a venda por parte do Concello de Arteixo da parcela na que está o parque de bombeiros comarcal e outros servizos do Concello. Alternativa demanda que a Deputación da Coruña paralice o alleamento, dados os graves prexuízos económicos e sociais que se orixinan coa decisión do alcalde de Arteixo.

O Concello de Arteixo puxo á venda unilateralmente a parcela número 24 do Polígono de Sabón. Nesta parcela sitúase o parque de bombeiros comarcal, cuxo mantemento é sufragado pola Deputación Provincial e a Xunta de Galicia, sen xustificación formal nin por parte do Consorcio das Mariñas nin da Deputación, non tendo, por tanto, xustificación algunha a decisión arbitraría e posiblemente ilegal do alcalde de Arteixo.

Cal é o motivo de sacar agora á venda unha parcela por 4.199.000 euros, que estará adxudicada no mes de febreiro pero que o adxudicatario non poderá ocupala ata o 1 de xaneiro do 2025? Por que hai que tirar un parque de bombeiros para facer outro? Que intereses hai detrás de todo isto?
A demanda de Alternativa, o pleno tamén aprobou que se convoque unha comisión urxente, por parte do Consorcio de Bombeiros para analizar e demandar as actuacións pertinentes, administrativas e xudiciais se procedese, xunto cos concellos afectados.