Saturday 16 de November de 2024

O pleno aprobou por unanimidade solicitar á Deputación a inclusión do antigo tramo de ferrocarril Boedo-Meirama na Vía Verde


Tamén se aprobou o contido do POS+ 2023.

Na sesión ordinaria do Pleno celebrada hoxe aprobouse por unanimidade a moción na que se solicita á Deputación da Coruña a inclusión no proxecto da Vía Verde do tramo de 4,1 km da antiga vía de ferrocarril Santiago-A Coruña que discorre polo termo municipal da Laracha entre Boedo e Meirama coa finalidade de poñer en valor a súa importancia histórica e, ao mesmo tempo, crear novos espazos que favorezan a mobilidade sostible, incrementen as oportunidades de practicar actividade física para potenciar os estilos de vida saudables e reforcen o potencial turístico do Concello da Laracha. O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que o tramo está dividido en dous sectores, sendo un deles en superficie de 2,3 km e outro de 1,8 km ao longo do túnel máis longo do trazado da liña, polo que é especialmente singular.

Na sesión foron aprobadas outras dúas mocións. Nunha delas acordouse rexeitar as declaracións do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, sobre o funcionamento dos servizos sociais municipais e instalo a retractarse e desculparse pola gravidade das acusacións ante o prexuízo que supoñen tanto para o prestixio do Concello da Laracha en xeral como para o funcionariado e persoal laboral adscrito ao departamento dos Servizos Sociais en particular.

A outra moción aprobada consistiu no apoio á creación, por parte da Xunta, do Observatorio de Igualdade do Sector Pesqueiro Galego formado por persoal técnico que estude, analice e estableza diagnósticos e medidas correctoras que contribúan a mellorar a situación das galegas que traballan no mar ou en actividades relacionadas, prestando atención á escasa representación das mulleres en postos de dirección e representación.

Por outra banda, e tal e como se avanzara a principios de semana en Comisión Informativa, foi aprobada por unanimidade a proposta do grupo de goberno para destinar os fondos das diferentes partidas que percibirá o Concello neste ano 2023 con cargo ao Plan Único Concellos (POS+) da Deputación da Coruña.

En total serán 693.967,85 euros divididos en tres achegas con diferentes finalidades: 237.708,23 euros destinaranse a investimentos, 353.233,18 serán para gasto corrente e 103.026,34 euros corresponden ao POS+ Adicional para o financiamento de gastos sociais extraordinarios.

Así, a cifra total para actuacións de investimento, engadindo a achega municipal de 82.998,08 euros, ascende a 320.706,31 euros. O proxecto de maior orzamento -215.000 euros- é a substitución do céspede artificial do campo de fútbol Municipal da Laracha. A outra intervención -106.000 euros- ten por fin a mellora dun tramo de 1,3 quilómetros de distancia da estrada municipal desde o Igrexario de Golmar (desde o cruce coa DP-2404) ata San Pantaión e que tamén dá acceso, por tanto, á parroquia de Soutullo por A Xesta.

Ademais, tamén quedou definido o Plan Complementario, que ten natureza de reserva e a súa finalidade é poder investir os créditos procedentes no caso de que se acordase unha maior achega para o POS+ ao longo do exercicio 2023. Neste caso o orzamento alcanza os 225.025,26 euros e inclúe actuacións de mellora da rede viaria na parroquia de Caión (estrada entre a DP-1909 e O Outeiro), Lendo (A Fontenla e Escurido), Lemaio (Estrada A Fraga-O Pereiro) e Erboedo (estrada entre A Fontenla e O Loureiro).
Co POS+ Adicional financiaranse gastos sociais extraordinarios que asumirá o Concello ao longo deste ano relacionados co incremento do persoal adscrito aos servizos sociais municipais, a ampliación da dotación das partidas municipais destinadas á axuda de emerxencia a colectivos en risco de exclusión social e para medidas sociais para a atención de persoas vulnerables.

No Pleno tamén se acordou por unanimidade nomear a María Inés López Zas como xuíza de paz substituta, tendo en conta os seus oito anos de antigüidade nese posto e que foi a única candidata que presentaba experiencia nesas funcións.