Friday 22 de November de 2024

O alcalde reitera o compromiso de lanzar un plan de investimentos ao abeiro da aprobación do Plan Especial do Camiño Francés


Na rolda de prensa desta mañá, o alcalde de Santiago demandou un “esforzo conxunto” para sacar adiante o Plan Especial do Camiño Francés (PE-3) e reiterou o seu compromiso de lanzar un plan de investimentos vinculado a este plan.

O alcalde recordou que “a aprobación deste Plan permitirá a declaración de Área de Rehabilitación Integral, coa que a veciñanza se poderá acoller a axudas e subvencións” e comprometeuse a crear unha comisión estable para avaliar as alegacións que se presenten e un plan de investimentos vinculado ao PE-3.

O alcalde defendeu unha vez máis a necesidade de avanzar cara á aprobación do PE-3 que permita “aproveitar o traballo xa desenvolvido nos últimos anos e as alegacións recibidas” e así propiciar que “a próxima Corporación tome unha decisión fundamentada, contando con toda a información posible”. Para o rexedor, “trátase dunha oportunidade para saír dun limbo legal no que están defendidos todos os interereses menos os da propia veciñanza de Lavacolla, Bando e en menor medida, a de San Lázaro”

Sánchez Bugallo referiuse á situación singular que afecta á parroquia de Lavacolla, xa que nela se atopa o aeroporto da cidade, que conta coa protección a nivel estatal ao tratase infrastrutura de Interese Xeral do Estado, e o tramo do Camiño de Santiago francés, que se acolle ás leis autonómicas e que obriga nalgúns casos aos veciños “a tramitar licenzas de forma dobre, perante Xunta e o Concello”

Ademais recordou que “o Concello vén traballando desde hai moitos anos neste Plan” e que se non sae adiante, “voltaríamos de novo ao punto no que se estaba en 2005”, que fai “inviable” o desenvolvemento de “proxectos industriais e empresarias” en detrimento dos intereses da veciñanza.

Período de alegacións

O Plan Especial do Camiño de Santiago é un documento técnico, elaborado polo Consorcio a petición do Concello de Santiago, e que unifica toda a regulación existente para a edificación na contorna do camiño e garantir a preservación do valor etnográfico e paisaxístico da zona. Trátase dun plan limitado pola delimitación dos Camiños de Santiago, a Lei da Paisaxe da Xunta de Galicia, pola Lei Urbanística e polo propio PXOM e o Plan Director do aeroporto”.

Na actualidade, o documento continúa en fase de exposición ao público, cuxo prazo para presentar alegacións ao Plan permanecerá aberto ata o vindeiro 20 de febreiro. Polo momento xa foron presentadas 51.

Ademais, o Consorcio de Santiago puxo en marcha entre os meses de outubro e xaneiro unha oficina co fin de ofrecer información individualizada aos veciños e veciñas da zona sobre o Plan Especial do Camiño de Santiago. Dos 4.217 veciños notificados (5.159 veciños menos 942 que non recolleron a notificación) atendéronse a 712 veciños, o que supón o 16,88 %.

Prórroga do contrato de electricidade

A Xunta de Goberno, reunida hoxe en sesión extraordinaria, acordou autorizar a prórroga do “Contrato baseado nun acordo marco para a contratación da subministración de electricidade en alta e baixa tensión a través da Central de contratación da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) coa empresa Endesa Enerxía, S.A, por un novo período dun ano a contar dende o 1 de marzo de 2023.

En rolda de prensa, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou que, a pesares de que “supón un incremento importante no custo do subministro eléctrico”, este aumento é moi inferior aos prezos de mercado. O acordo coa FEMP establece uns mecanismos de axustes de prezos da electricidade, que son, “hoxe por hoxe, significativemente mellores que os prezos que está ofrecendo o mercado libre”, subliñou.

As previsións do custo da electricidade para 2023, segundo explicou o rexedor, ascenden a uns 7 millóns de euros (5.122.573 de euros en alumeado público e 1.888.311 euros nos diferentes edificios municipais),”cifra enormemente superior a do 2022, no que tiñamos previsto 4,1 millóns de euros, pero sensiblemente inferior á que se atopa no mercado libre que estimados podería rondar os 12 millóns de euros”. Polo tanto, segundo os cálculos do Goberno Municipal, este acordo permitirá aforrar ás arcas municipais uns 5 millóns de euros.