Friday 22 de November de 2024

O Concello e a Asociación Memoria Histórica Democrática celebraron esta mañá un acto con motivo do Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto


A concelleira de Cultura, Olga Ameneiro, presidiu hoxe, no salón de plenos do Concello o acto institucional de acendido de candeas en recordo das vítimas do Holocausto, que se conmemora cada 27 de xaneiro. Acompañada polo presidente e o secretario da Asociación Memoria Histórica Democrática, Manuel Fernández e Enrique Barrera, respectivamente, de integrantes da corporación local, de dúas integrantes da Agrupación Cultural Musical Sementeira e alumnado e profesorado do CPI do Feal deu a benvida aos asistentes e destacou a importancia de recordar ás vítimas inocentes do xenocidio.
Enrique Barrera fixo un repaso por estes feitos históricos, lembrando que o Concello de Narón foi o primeiro desta zona en organizar esta homenaxe ás vítimas. Así mesmo, explicou o significado do acendido de seis velas en memoria dos millóns de vítimas do Holocausto e que se encargaron de acender alumnas e alumnos do CPI do Feal: Elena Rodríguez, Lucas Amado, Andrea Dopico, Adrián Novo, Rafael Pazos e Alba Souto. Cada unha das candeas ten un significado: en recordo dos millóns de menores que morreron nesa época, outra para os millóns de xudeus adultos que foron asasinados, unha terceira para os millóns de persoas de colectivos como xitanos, homosexuais, discapacitados… que foron exterminados, outra en recordo dos 8.300 españois que morreron nos campos nazis, dos que unha vintena eran naturais da comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal, unha quinta en homenaxe tamén a aquelas persoas que sobreviviron a esta barbarie e outra para todos aqueles que axudaron a salvar vidas, tal e como recordou Barrera.

Tralo acendido das candeas a concelleira de Cultura, que agradeceu a colaboración da Asociación Memoria Histórica Democrática, do alumnado e profesorado do CPI do Feal e das integrantes de Sementeira, valorou a importancia desta “merecida homenaxe a esas persoas, que debemos ter no noso recordo como vítimas dun xenocidio que nunca debería ter acontecido”. Así mesmo, subliñou que “dende este Concello queremos dar e ser exemplo de tolerancia e convivencia pacífica entre as persoas, independentemente das crenzas e cultura de cada unha e cada un de nós. Debemos respectar os dereitos humáns e velar polo seu cumprimento día a día, dende as administracións e dende a sociedade en xeral”.
Os participantes no acto visitaron previamente na Biblioteca municipal a exposición Galegos en Mauthausen”, con corenta imaxes e outros documentos que amosan as duras condicións de vida no campo de concentración. Poderase ver ata o 4 de febreiro na sala de exposicións da planta soto e permanecerá aberta de luns a venres, en horario de 17.00 a 20.00 e os sábados de 10.00 a 13.00. Os grupos que o desexen poderán solicitar unha visita guiada con Enrique Barrera, debendo contactar co persoal da Biblioteca a través do número de teléfono 981 382 173.