Reafirma a súa total e frontal oposición á implantación de parques eólicos e liñas de evacuación na contorna e reitera o seu apoio ao rexeitamento veciñal que levantan estes proxectos
O equipo de Goberno do Concello de Frades celebra a declaración de impacto ambiental desfavorable do proxecto do parque eólico Gasalla emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Un proxecto que pretendía instalar 7 aeroxeneradores de 3,465 MW de potencia unitaria (24,255 MW de potencia total) nos concellos de Frades e Mesía promovido por Green Capital Power SL.
O concelleiro de Medio Rural, Manuel Ferreiro Marzoa, explica que “dende o Concello de Frades presentamos unha alegación con ata 16 puntos no que amosabamos a nosa total oposición ao parque eléctrico de Gasalla e celebramos que finalmente a Xunta atendera a nosa petición e emitira Declaración de Impacto Ambiental negativa”. Un proxecto ao que se formularon un total de 551 alegacións, das que 536 foron presentadas por particulares, 2 por Concellos (Frades e Mesía) e 13 por asociacións, empresas e outras organizacións.
Presentación de alegacións
“De feito, ademais de presentar a nosa alegación, o Concello de Frades puxo a disposición da veciñanza os servizos da oficina técnica de Urbanismo do Concello para informarlles sobre a situación e axudarlle á presentación das súas propias alegacións”: Así, a arquitecta municipal estivo a disposición de todas a persoas que o precisaran todos os luns, mércores e venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas, durante o período de presentación de alegacións.
Esta non é a primeira ocasión na que o Concello de Frades presenta alegacións contra un proxecto de parque eólico. En abril de 2021, o equipo de Goberno fradense presentou alegacións ao parque eólico Brancellao por non ser compatible nin co planeamento nin co medio socioeconómico e produtivo do municipio. Un proxecto que tamén recibiu informe de impacto ambiental negativo por parte da Xunta de Galicia, como o de Gasalla agora.
Manuel Ferreiro recalca que “a non posición non é contraria á implantación de enerxías renovables, sempre que sexa dunha forma ordenada e programada naqueles territorios que se consideren idóneos, en coordinación previa coas entidades locais e sempre que gocen dunha ampla aceptación veciñal. Así o temos manifestado en numerosas ocasións e, dende 2019, mantemos un acordo co resto dos alcaldes da Mancomunidade de Ordes para dicir non aos parques eólicos na comarca”.
Alegación presentada
Na alegación contra o parque eólico Gasalla, presentada o pasado 31 de outubro de 2021, o Concello de Frades apuntaba 16 incumprimentos da lexislación deste proxecto, polo que lle solicitaba á Xunta que emitira Declaración de Impacto Ambiental Negativa. Entre os principais argumentos utilizados polo Concello de Frades en contra do parque figuran:
– Legalmente: Incumpre as distancias mínimas de núcleos rurais esixidas hoxe pola lexislación galega: cinco veces a altura dos macroeólicos (200 metros) e a distancia aos núcleos rurais (fronte ao quilómetro marcado pola lexislación, as casas de Abellá están a escasos 500 metros). Ademais, trátase dun dos proxectos compoñentes do Macroparque Ordes-Curtis, que foi fraudulentamente fraccionado polo promotor para evitar a súa avaliación conxunta, polo que incumpre tanto as Leis do Sector Eléctrico (24/2013) e de Avaliación Ambiental (21/2013) como o Real Decreto 1955/2000. Así mesmo, emprázase nunha zona que o MITECO considera como non aptas para a instalación de parques eólicos.
– Ambientalmente: As súas liñas de evacuación da electricidade afectan de maneira directa a ZEC Río Tambre, recoñecida e protexida pola UE, xerando un grave prexuízo aos seus valores medioambientais. Ademais, as aspas dos parque están a menos de 20 metros do espazo privado de interese natural “Fragas e Brañas do Alto Gaiteiro”
– Socialmente: Non teñen aceptación social, nin política a nivel local e provincial. O estudo de impacto ambiental non recolle o feito de que a implantación deses sete aeroxeneradores deixarían literalmente rodeada unha poboación como Gasalla e aos seus habitantes. Ademais, non ten xustificación de interese xeral nin de utilidade social, pola contra destrúe os valores naturais e sociais da contorna.