Friday 22 de November de 2024

Evencio Ferreiro repite como candidato á alcaldía coa convicción de contar co mellor equipo para gobernar Carballo


O actual alcalde foi reelixido de xeito unánime nunha asamblea aberta na que participaron militantes e simpatizantes do BNG

Evencio Ferrero Rodríguez volverá a ser o candidato do BNG á alcaldía de Carballo co apoio unánime de militantes e simpatizantes, que ateigaron a sede do partido nacionalista na tarde-noite do xoves. A proclamación do candidato, entre aplausos e aclamacións, é un reflexo do arraigo do proxecto do BNG entre a veciñanza, que elección tras elección vén incrementando o seu apoio á formación nacionalista.

O éxito do BNG, como destacou Evencio Ferrero na súa intervención, é o resultado do traballo serio, intenso e rigoroso que se vén desenvolvendo no ámbito municipal, tanto dende a oposición coma, nos últimos vinte anos, dende o goberno. O alcalde destacou o compromiso con Carballo de todas as persoas que formaron parte das sucesivas candidaturas e amosou a súa convicción de contar co mellor equipo para gobernar Carballo.

Evencio Ferrero (Carballo, 1955) é o político máis experimentado da corporación municipal. Neste 2023 cumprirá vinte anos na alcaldía, e aínda que xa hai catro anos o PP intentou socavar o seu prestixio e o seu compromiso argumentando que abandonaría o cargo despois da toma de posesión, Evencio non só se mantivo, senón que concorrerá ás próximas eleccións con toda a forza que outorgan a experiencia, o afecto da cidadanía e a seguridade de que o seu equipo será, de novo, o mellor para seguir facendo de Carballo un bo lugar para vivir, para investir e para desfrutar.