Friday 22 de November de 2024

TEGA, PSOE e BNG apoian a ILP para salvar e fortalecer a Atención Primaria e a manifestación convocada para o 12 de febreiro en Compostela


O bipartito naronés, TEGA e PSOE, e o BNG aprobaron unha moción presentada conxuntamente para apoiar a Iniciativa Lexislativa Popular co obxectivo de salvar e fortalecer a atención primaria e a manifestación do 12 de febreiro en Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública. Dende as formacións denunciaron o deterioro da Atención Primaria galega e urxiron solucións para evitar unha situación irreversible. Así mesmo, aluden ás queixas da veciñanza sobre a masificación e tardanza nas consultas, o colapso das urxencias, a falta de persoal médico… e critican a falta de medidas do PP para frear o desmantelamento do servizo. Coa aprobación desta moción TEGA, PSOE e BNG comprométense a apoiar a recollida de sinaturas promovida pola plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia para conquerir a ILP para salvar e fortalecer a Atención Primaria. A maiores, fan un chamamento á poboación da cidade para participar na manifestación convocada para o 12 de febreiro en Compostela, para evitar o desmantelamento do sistema sanitario público galego.

Na sesión aprobouse a inclusión no inventario municipal de bens de nove fincas expropiadas e unha vivenda –cunha superficie conxunta duns 1.300 metros cadrados- polo proxecto de urbanización parcial das rúas Cataluña, Celso Emilio Ferreiro e de nova apertura A. Alvajar e M. Araújo. Os trámites realizados permiten avanzar neste proxecto, que mellorará a interconexión desa zona da cidade, na que se rexistra unha elevada densidade de tráfico, e que suporá un investimento de preto de 255.000 euros. O vial a realizar terá un ancho de doce metros, incluíndo as beirarrúas e terá unha única dirección, en sentido dende a Celso Emilio Ferreiro ata a avenida de Cataluña.

Así mesmo, saíu adiante a declaración de especial interese e utilidade municipal das obras de instalación de dous ascensores do CPI do Feal, en resposta a unha solicitude de licenza presentada pola administración autonómica. A medida implica unha serie de bonificacións sobre a cota do ICIO tal e como se establece na pertinente ordenanza fiscal, a número 6.

No apartado de mocións, aprobouse tamén a presentada polo BNG sobre reprobación pública á Sareb polo trato abusivo e coactivo de cara aos veciños das vivendas da Praza do Asilo, en Narón. O Concello comprométese a continuar reclamando información e solicitando reunións coa Sareb e reclamaralle ao goberno central que actúe ante este tipo de prácticas coactivas dunha sociedade con participación pública, atendendo ao dereito das persoas a ter unha vivenda digna.