Na moción debatida no pleno todos os grupos votaron a favor, a exepción do PP, que se posicionou en contra.
A concelleira de Políticas Sociais e Saúde, Mila Castro, denunciou que “as carencias de persoal que perxudican a calidade do sistema sanitario, as condicións laborais pouco atractivas, e os recortes orzamentarios, fan que sigamos denunciando que o noso modelo sanitario se atopa en grave perigo”.
O pleno ordinario do Concello de Santiago, presidido polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, comezou cun minuto de silencio en memoria das vítimas de violencia machista. Entre as mocións aprobadas, destaca a de apoio á manifestación do 12 de febreiro en defensa da sanidade pública e das demandas da ILP (Iniciativa Lexislativa Popular) da Plataforma SOS Sanidade Pública. O Grupo Municipal Socialista, Compostela Aberta, o BNG e o concelleiro non adscrito votaron a favor. Só o PP se posicionou en contra. Este apoio á sanidade pública defendeuno a concelleira de Políticas Sociais e Saúde. Mila Castro denunciou que “as carencias de persoal que perxudican a calidade do sistema sanitario, as condicións laborais pouco atractivas, e os recortes orzamentarios, fan que sigamos denunciando que o noso modelo sanitario se atopa en grave perigo”.
Mila Castro referiuse “ás reiteradas alarmas que vimos pondo enriba da mesa algúns dos Grupos Municipais, das condicións precarias nas que se atopa o nosos sistema de saúde pública e moi nomeadamente o de Atención Primaria”. “A pesares disto”, continuou, “e das denuncias públicas de moitos colectivos profesionais, representantes dos traballadores, colectivos de usuarios e sociedades científicas, o certo é que a mellora do modelo actual non mudou”, e continúa “a saturación na atención primaria” e o “colapso do modelo sanitario”.
A concelleira referiuse tamén a casos concretos, como a atención hospitalaria, “na que de xeito habitual dimiten xefes de servizo”, a escaseza de recursos mateirais e humanos, á precariedade dos profesionais; citando a enquisa que amosa que máis da metade dos facultativos teñen que prolongar habitualmente a xornada de traballo para poder ver a todos os pacientes asignados; e á necesidade dunha maior dotación orzamentaria.
A moción de urxencia presentada por Compostela Aberta, en defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e pola reforma da Lei do Aborto, aprobouse tamén cos votos a favor do Grupo Municipal Socialista, Compostela Aberta e BNG. O Grupo Popular abstívose.
Defendeuna a concelleira de Políticas de Igualdade. Mercedes Rosón comezou dicindo que “é moi triste que no ano 2023, catro concelleiras teñan que debater sobre o dereito das mulleres para decidir libremente se queren interromper o seu embarazo. O dereito ao aborto, é unha cuestión tan amplamente aceptada na nosa sociedade, que decisións coma as do goberno de PP-VOX en Castela León ou do propio Partido Popular no Congreso dos Deputados presentando unha emenda á totalidade á reforma da lei do 2010, deixan de novo claro o que pensan ambas formacións sobre a liberdade e os dereitos de todas as mulleres”.
“Semella”, continuou, “que os populares non aprenderon nada da última intentona de reverter eses dereitos no 2014, que lle costou o posto o ata entonces “suposto-moderado” Alberto Ruíz-Gallardon. Sóalle a estratexia? O “moderado” do PP que pretende recortar os dereitos das mulleres? Pois xa saben como remata, para alegría da señora Ayuso. Supoño que esa mesma estratexia, coa que pretenden agradar aos seus votantes ultrarelixiosos, é a que lles serve para xustificar manter doce anos despois o seu recurso de inconstitucionalidade da lei do 2010. Cuestión que espero que sexa resolta, como todo parece indicar, nos próximos meses”.
“Aborto, segregación nas aulas, eutanasia, unha estratexia que dota ao Partido Popular dun marco incomparable de modernidade e progreso no s.XXI….. En fin, cada un e libre de posicionarse onde se sinte máis a gusto”, sinalou a concelleira.
Mercedes Rosón avanzou que “na próxima reunión do Consello Municipal de Saúde, órgano colexiado de participación, tratarase esta cuestión para buscar e organizar ditas campañas informativas co consenso da maioría dos seus membros”. Continuou sinalando que “o PSOE, fai escasos tres dias, trasladou aos grupos no Congreso e no Senado unha emenda transaccional que obrigará por lei ás administracións públicas a non interferir na vontade das mulleres que queiran abortar. Con esta proposta trátanse de blindar os dereitos das mulleres fronte ao acoso por parte da dereita e da extrema dereita, xa que esta vez ocorreu isto en Castela León pero pode darse en calquera outro territorio. O que pode vir noutras comunidades e a nivel nacional a verdade é que da moito medo”.
A concelleira de Políticas de Igualdade rematou a súa intervencion coas palabras de Patxi López, voceiro do PSOE no Congreso, “Non hai Goberno, nin Estado, nin Deus que poida decidir sobre o corpo e a vida das mulleres”.
A moción sobre a adopción de medidas de apoio para familias acolledoras de cara á protección da infancia, presentada polo Grupo Socialista, Compostela Aberta e o BNG, foi aprobada por unanimidade. Defendeuna a concelleira de Políticas Sociais.
Mila Castro recoñeceu, en primeiro lugar, o labor da Asociación Galega de Familias de Acollida ACOUGO. Apostou por potenciar os recursos normalizados destinados ás familias dispostas a acoller, e convidou á cidadanía a implicarse “neste labor social”, investindo en formación, e incrementando os apoios destinados a estas familias.
Desde o Concello, sinalou, “estamos dando pasos pequeniños” a través das concellarías de Políticas Sociais e de Políticas de Igualdade. Pasos como a incorporación do item de familia acolledora nos impresos que dependen de Servizos sociais. “E aplicando este ano, por primeira vez, na convocatoria de becas comedor”, a equiparación das familias de acollida as familias numersoas e monoparentais a efectos de bonificacións.
Moción apoio ás familias acolledoras
A moción número sete, para o estudo, deseño e execución dunha nova rotonda na rúa do Hórreo, tamén foi aprobada por unanimidade. O concelleiro de Obras, Gonzalo Muíños, explicou que na zona se melloru a iluminación, e que a rotonda “aliviou moito o tráfico”. Algo reiterado polo alcalde. Sánchez Bugallo engadiu que a colocación desta rotonda facilitou a accesibilidade ao Ensanche e reduciu o volume de vehículos “que cruzaban por arriba”, incrementando a circulación no túnel do Hórreo.
Unanimidade tamén na moción número oito, para instar á Deputación da Coruña a rematar coa maior celeridade posible a primeira fase da estrada DP7802 Roxos-Reborido e a redactar o proxecto da segunda fase. En canto a primeira fase, a concelleira e deputada provincial, Mila Castro, sinalou que podería empezar a executarse nunhas dúas semanas en canto se drenara a auga que acumula polas intensas choivas das últimas semanas. Polo que respecta á segunda fase, redactouse o proxecto e estase supervisando agora tecnicamente.
Proposicións
A primeira proposición debatida foi a referida ao aumento das axudas para a rehabilitación de edificios coa instalación de ascensores e os ámbitos para a súa aplicación. O Grupo Municipal Socialista abstívose. A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, lembrou que se presentaron 21 solicitudes de axudas para a colocación de ascensores en edificios do século pasado de zonas desfavorecidas, cuxa convocatoria se publicou no BOP da Coruña do 19 de decembro. En total, esta liña de axudas conta cun orzamento de 970.900 euros, con cargo aos fondos EDUSI; dos que 84.000 se destinan a esta primeira fase, que é a da elaboración da documentación técnica preceptiva necesaria para intervencións e instalación de elementos que melloren a accesibilidade. Nesta convocatoria, as axudas son en especie. É dicir, o Concello aporta o 100% da contía das actuacións subvencionables, que deberán ser solicitadas a través da oficina de rehabilitación. Segundo os seus cálculos, con estes 84.000 euros pode elaborarse a documentación técnica dunhas 98 vivendas.
Mercedes Rosón, o alcalde, Sánchez Bugallo, que presidiu o pleno e Mila Castro.
Rosón lembrou que foi Europa quen aceptou a proposta deste proxecto, “a petición deste Goberno, destinado para todo ese parque de vivendas que temos na ordenanza 9A”. Lembrou que esta “convocatoria fíxose pensando nesas persoas que teñen” escasos ingresos mensuais, “pensando nesas zonas de Compostela onde a situación económica é máis grave”.
Tamén lle recordou á oposición que “a Oficina de Rehabilitación e Vivenda xa é, como vostedes deberían saber, un espazo de asesoramento para toda a veciñanza que colabora na busca de solucións para calquera tipo de actuación de rehabilitación e tamén para a instalación de elevadores en toda a cidade, incluso sen ter posibilidades ou intención de pedir axudas. É habitual que asesoremos a todas as personas que o soliciten acerca dos trámites, axentes e institucións que interveñen no proceso, así como a función e natureza dos trámites correspondentes”. Polo tanto, continuos “Sr. Duarte, o que vostedes nos piden, xa se está facendo, e xa se ven facendo desde hai moito tempo”. Agora, engadiu, “estamos traballando na declaración dunha nova Area de Rehabilitación Integral, unha ARI discontínua,que recolla, precisamente, todo o que falta das vivendas que están na ordenanza 9A”.
Tamén explicou que o Concello de Santiago “sempre pide moito mais financiamento do que resulta logo concedido, dado que as nosas solicitudes entran en competencia cas da totalidade de oficinas de rehabilitación de Galicia. Sen embargo, cabe destacar que a proporción de fondos para Santiago sempre e moito mais elevada en proporción (poboación e número de ARIs) que a media da Comunidade, precisamente gracias a eficiencia ca que se xestionan os recursos”
Mercedes Rosón puxo como exemplo as dúas últimas convocatorias nas que o Concello solicitou axudas e fondos para a rehabilitación. Explicou cales foron as contías ofertadas, as solicitades e s concedidas. No “Plan de Vivenda 2018-2021”, na convocatoria de 2021, a contía concedida a Galicia foi de 5.412.384 euros. O concello de Santiago solicitou 2.640.000 euros e concedéronselle 1.379.866 euros, un 25% do total.
No “Plan de Resilencia 2022-2026”, na convocatoria 2022, a contía concedida a Galicia foi de 11.485.814 euros. O concello de Santiago solicitou 8.925.505 euros e concedéronselle 4.500.000 euros, un 39% do total.
Polo que respecta aos 33 millóns do “Plan de Resiliencia” a Santiago concedéronselle 4,5 millóns de euros, un 13,6% do total. Unha cantidade moi por enriba do que lle correspondería por poboación, que sería un 3,5% .
A proposición número catro, para impulsar un plan de formación en xestión e captación de financiamento para conquerir o fortalecemento do tecido cultural asociativo, foi aprobada por unanimidade. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, explicou que se está á espera da liquidación dos orzamentos de 2022, e daincorporación dos remanentes, “para sacar canto antes as convocatorias” de subvencións destinadas as asociacións culturais e de axudas a actividades do sector profesional. Esperamos que, cando se faga a liquidación dos orzamentos de 2022 e se incorporen os remanentes, sacar canto antes esta convocatoria. Unhas convocatorias adiantou, cunha contía total similar a do ano pasado, que ascendeu a 450.000 euros.
Mercedes Rosón sinalou que nas anteriores convocatorias, se deron, as persoas e entidades que as solicitaron, un amplo prazo para “correxir eses expedientes”. Lembrou que contan coa axuda do Concello para poder levar a cabo a súa tramitación e sacar adiante eses proxectos. E engadi que “fomos quen de estar á algura da situación para poder resolver, amparar e protexer a este sector que forma parte da nosa identidade”.
Recordou a concelleira que o ano pasado beneficiáronse das axudas a actividades do sector profesional 23 entidades, que percibiron, en conxunto, 413.565,22 euros. En 2021, para axudar na recuperación do sector despois da pandemia, destináronse a actividades do sector profesional 554.992,9 euros, dos que se beneficiaron 32 entidades.
A proposicións 5 e 7, sobre o Plan Especial Director de Ordenación e Rehabilitacion do Camiño Francés de Santiago (PE-3), para a creacion dunha oficina de Rehabilitacion e unha liña de axudas para actuacións neste ámbito.
O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, lembrou que este Plan Especial, “unha obriga para o Concello de Santiago”, “leva 18 anos dando voltas”, polo que pediu o máximo consenso posible para sacalo adiante. Comprometeuse a crear unha comisión para avaliar as alegacións que se presenten, e mantela no tempo; e un plan de investimentos vinculado ao PE-3. Recordou que foi decisión do PP que pasara ao Consorcio, decisión que mantivo Compostela Aberta. E preguntoulle a CA, o diálogo que houbo coa veciñanza cando se aprobou o trámite medioambiental. “Eu non teño noticias”, engadiu, “vostedes saberán cantas reunións tiveron para tratar esa cuestión”. Respecto do PP e das delimitacións do Camiño de Santiago, “non me consta que fosen moi dialogadas cos veciños e veciñas de Santiago, nin doutra parte”. Lembroulle tamén que nas ARIs dos Camiños de Santiago que abarcan 150 concellos, rehabilitáronse, con axudas da Xunta, 80 vivendas. E nas 4 ARIS de Santiao, “centos. Un diferencial inmenso”, subliñou.
O 20 de febreiro remata o periodo de alegacións a este plan. Ata o momento presentáronse 51. A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, recordou que “é unha obriga sacar adiante” o PE-3. “Somos coscientes de que no que queda de mandato non se vai aprobar definitivamente este plan. Aprobalo ou non será decisión da seguinte Corporación. Ata entón, e de forma inminente, tal e como nos comprometemos o pasado sábado coa veciñanza de Lavacolla, crearase unha Comisión para abordar conxuntamente todas as dúbidas e problemas que suscita o Plan Especial”.
Sobre a oficina de información, aclaroulle á oposición, que xa existe. “ Durante catro meses, de outubro a xaneiro, os veciños e veciñas tiveron a posibilidade de recibir información individualizada nunha oficina creada para tal fin no Consorcio de Santiago”. Dos 4.217 veciños notificados (5.159 veciños menos 942 que non recolleron a notificación) atendéronse a 712 veciños, o que supón o 16,88 %.
Tamén aclarou que o PE-3 é un documento urbanístico, que propón varias actuacións integrais, entre elas nos núcleos de Lavacolla e Vilamaior, que inclúen a execución e o soterrado das infraestruturas e instalacións urbanas. Unha vez aprobado o Plan poderanse redactar os proxectos de intervención, incluíndo a rede de saneamentos, e a dotación orzamentaria para a execución das obras”, sinalou.
Na proposición para corrixir o desnivel da estrada na antiga N-634 no núcleo de Lavacolla, o Grupo Socialista abstívose. Una postura que defendeu o concelleiro de Obras e Mobilidade, Gonzalo Muíños. Aclarou que ese tema xa fora tratado coa veciñanza, e que os titulares dos negocios afectados “manifestaron a conveniencia de rebaixar a rasante da estrada.
A dificultade ven porque no outro lado, explicou, as vivendas están ma mesma cota da rasante. Por iso, engadiu, “trasladóuselle a veciñanza que no momento de execución da obra vaise correxir este desnivel. Serán enton, tamén, cando o espazo se adapte ás necesidades que vaian aparecendo: zonas de carga e descarga, aparcamento ordinario, parada de bus, etc. Todo isto, sinalou Muíños, foille trasladado á veciñanza.
Trátase, subliñou Muíños, dun proxecto complexo. En todo caso, “explicouselle este compromiso deste goberno para tratar de resolver os problemas de cota”. Pero, engadiu, para valorar o que hai que rebaixar garantindo a maior mobilidade posible para o acceso os negocios, “é imprescindible facer catas”. En función dos resultados, realizaranse as modificacións oportunas sobre o proxecto, que xa está adxudicado. “Queremos”, engadiu, “que se garantan os criterios de interese xeral para a veciñanza; a humanización da travesía, percorridos peonís seguros, e seguridade viaria”.
A concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Marta Abal defendeu a abstención do Grupo Municipal Socialista na proposición sobre o fomento dos vehículos eléctricos no termo municipal. Lembrou que “o fomento da mobilidade eléctrica, do autoconsumo e o despregue de enerxías renovables, son sen dúbida principios básicos de actuación das diferentes medidas económicas e lexislativas que ven adoptando o goberno do estado, sobre todo mediante o desenvolvemento e implementación do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR)”, principios que se fan efectivo a través das distintas medidas lexistlativas aprobadas. Entre elas o Real Decreto Lei 29/2021, do 21 de decembro, polo que se adoptan medidas urxentes no ámbito enerxético para o fomento da mobilidade eléctrica, o autoconsumo e o despregue de enerxías renovables”.
Un dos aspectos sobre os que actúa este Real Decreto é na mobilidade eléctrica, e en concreto no desenvolvemento da infraestrutura de recarga pública. A concelleira avanzou que “con respecto á instalación e posta en marcha de puntos de recarga de vehículos eléctricos, compre destacar que dende a Sociedade de Xestión do Transporte Público (TUSSA) estase a realizar un estudo para o aumento de prazas de aparcamento con recarga eléctrica nas súas instalacións de xestión directa no presente exercicio, para en última instancia, establecer unha rede pública de recarga que abrangue distintos puntos da cidade favorecendo a recarga”
Marta Abal avanzou que o aparcamento de Xoán XXIII xa conta con prazas de recarga eléctrica, pero que este ano se ampliarán os puntos de recarga nos estacionamentos de Belvís, Salgueiriños e a área de libre estacionamento de Santa Marta. Lembrou tamén que na actualidade “os vehículos 100 % eléctricos, están exentos do pago tanto na zona ORA coma nas zonas verdes da cidade”. Engadiu que “dende o Concello, tamén se pretende ser prescriptores do servizo, dado que tal e como se ten comentado no seo do Consello de Administración da Sociedade, e intención que no presente exercicio, os turismos adscritos aos distintos servizos sexan eléctricos”.
Interpelacións
Un pleno, no que o portavoz do Grupo Municipal, Sindo Guinarte, sinalou que fronte ás “insinuacións veladas e non tan veladas, e sobre supostas conspiracións que hai que probar”, desde o executivo estanse dando e seguiremos dando “luz, e transparencia sobre os feitos”. Subliñou “que se comentou un erro importante, grave e relevante por parte do ex-concelleiro José Manuel Pichel”, que tivo un custe: a súa renuncia”.
Sindo Guinarte, Gonzalo Muíños, Marta Abal, Esther Pedrosa e Rubén Prol
A continuación explicou que “a razón principal que sustenta as consecuencias non foi o procedemento, nin o obxecto do contrato de aluguer da nave “exactamente igual a outros contratos de locais” realizados durante este mandato e en mandatos anteriores. “O relevante, engadiu, “é a relación da empresa participada por un cargo público, coa adxudicataria do contrato. Feito que decoñecíamos os que formabamos parte da Xunta de Goberno”. Un feito que cualificou de “inaceptable”, ainda que “non teña relevacia xurídica, como sinala o informe do Secretario”.
De telo sabido, engadiu, “ese contrato non chegaría” a realizarse. “Exactamente queremos constatar que na Xunta de Goberno do 14 de setembro, a persoa que lles fala e os seus compañeiros, non sabían desa vinculación directa do concelleiro coa adxudicataria do aluguer. Dicímolo nós e recoñéceo o propio ex-concelleiro. Porque no momento que este goberno soubo desa vinculación, inmediatamente o Alcalde solicitoulle a Secretaria Municipal a apertura dun informe para esclarecer as consecuencias de incompatibilidade desta cuestión. Informe que sinala que “ as circunstancias concorrentes no momento de adxudicar o contrato non determinan a concorrencia dunha prohibición para contratar coa empresa adxudicataria, nin unha situación de incompatibilidade do concelleiro; aínda que “pode considerarse a existencia dun conflito de intereses aparente”. O resultado, a renuncia de José Manuel Pichel.
En canto ao local, volveu incidir na necesidade de buscar un local, de xeito urxente, ante o desaloxo das instalacións ubicadas na antiga estación de autobuses; que permitise albergar os servizos de Medio Ambiente e Parques e Xardíns, cunha zona administrativa e unha zona de almacenamento. Era unha solución temporal, ata a execución da obra necesaria no recinto feiral de Amio. Explica que o expediente de aluguer das oficinas, chega para a súa adxudicación a Xunta de Goberno Local cos informes dos servizos correspondentes, que xustifican dita localización, e co informe favorable da Intervención Municipal. “O procedemento que se sigue neste expediente, tal e como se tramitou noutros expedientes deste mandato e nos gobernos anteriores, segue o procedemento recollido en múltiples informes da Asesoría Xurídica deste Concello, seguindo o articulo 124 da Lei de Patrimonio das Administracións Públicas, tendo en conta a urxencia de concertar dito aluguer, e a especial idoneidade do mesmo (circunstancia constatada no informe de estudo de prezos de mercado) fronte ao dispoñible no mercado nese intre. Non hai informe desfavorable, nin informe en contra da intervención municipal”, afirmou. E, continua, “o informe da Intervención Municipal é sobre a “omisión da función interventora” (non reparo) das facturas do aluguer das oficinas dende o mes de febreiro ata novembro do ano 2022.
“A cuestión non radica no expediente. É unha cuestión de ética política e así o asumimos. Todo o demais, grandes adxetivos e grandes palabras en roldas de prensa, é o inevitable ruido preelectroal a catro meses das eleccións”, subliñou.
Antes a responsable de Medio Ambiente, Mila Castro, respondeu, a petición do Grupo Popular, a unha interpelación sobre a Vía Verde. A concelleira lembroulle ao PP que foi entre 2007 e 2011 cando os Concellos de Santiago (sendo alcalde Sánchez Bugallo) e de Oroso, rexido por Manuel Mirás, presentaron o borrador do trazado. Proxecto que quedou paralizado cando o PP chegou ao concello de Santiago, entre 2011 e 2015. Neste periodo, lembrou, “aprobouse unha moción na Deputación da Coruña presentada polo Grupo Socialista aprobada por unanimidade para reclamarlle á Xunta de Galicia a súa implicación no proxecto, resposta que nunca chegou”.
No 2017, explicou Mila Castro, xa durante o mandato de CA, presentouse un novo borrador no que, ademais, se inclúen os concellos de Ordes, Tordoia e Cerceda.
A concelleira destacou a transparencia coa que se está levando o proxecto construtivo, de abril de 2019, que contemplaba o percorrido completo no termo municipal de Santiago, cunha lonxitude de 10,18 quilómetros e cun orzamento de execución de 1.595.364 euros. “Un tramo”, engadiu, “correspondente ao noso concello, que como tamén dixen, era o que maiores dificultades técnicas presentaba e maior aporte económico precisaba”.
O tramo, de 10 quilómetros, conta con tres túneles e un custe superior aos 21,4 quilómetros dos tramos restantes correspondentes aos concellos de Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda”. Por iso se dividiu en dúas fases. Dos tres túneles, continuou, dous, un de 485 metros e outro de 385 metros, atópanse nesta primeira fase que se vai acometer, que corresponde a un tramo de 2,165 quilómetros, e que conta cun orzamsentos de 796.766 euros. “Polo tanto”, continuou, “a decisión de abordar a actuación en dúas fases de investimento ven otivada polos recursos económicos dispoñibles para afrontar a súa execución”, que neste caso proceden dos fondos FEDER. Explicou que só o acondicionamento dos dous túneles supón o 40% do orzamentos do tramo.
Mila Castro adiantou que o proxecto desta primeira fase xa está redactado e remitido polo ADIF. E que na Xunta de Goberno do 21 de decembro de 2022 aprobouse o convenio entre o Concello e a Deputación, para a execución das obras do proxecto construtivo da Vía Verde Santiago de Compostela. Tramo 1”. E avanzou, “a Deputación Provincial xa ten encargada a redacción do proxecto construtivo do tramo 2”, desde o quilómetro 2,1, ata o quilómetro 10,18; que comprende o terceiro túnel, e contará cun investimento estimado de 800.000 euros. Este custe este proxecto, uns 8.000 euros, asúmeo a Deputación e xa está, sinalou, “na fase final da súa redacción”. Actualmente xa hai consignados 300.000 euros para esta fase, dentro dos fondos PSTD (Plans de Sostibilidade Turística en Destino) “que foron solicitados á Deputación e xa están aprobados.
A concelleira aclarou que os pasos superiores dos viarios municipais sobre o antigo trazado do ferrocarril corresponden aos concellos. Tamén sinalou que se abordou en primeiro lugar o tramo 1, “máis preto do núcleo urbano, co boxecto de que a veciñanza de Santiago poida desfrutar deste investimento desde o minuto un. Nunca pode ser un trazado illado”, sinalou, ante as insinuacións do PP.
A concelleira rematou sinalando que “o goberno do PP no Concello de Santaigo e na Deputación nunca amosou interese pola Vía verde, nin tampouco a Xunta de Galicia”. Os avances son grazas aos gobernos do Partido Socialista, BNG e CA, subliñou.
Outras mocións
O Grupo Muncipal Socialista abstívose na primeira moción sobre a Liña Verde. O alcalde, Sánchez Bugallo, sinalou que “foi e esta a ser unha boa ferramenta. De momento non ten unha xestión centralizada, e estase distribuindo a información entre os correspondentes departamentos”. O rexedor finalizou a súa intervención sinalando que “valoraremos a posiblidade de facer resumos trimestrais que se farían públicos”.
Tamén se abstivo na moción para a creación dunha oficina municipal de enerxía que promocione as comunidades enerxéticas locais e outras medidas de índole enerxética en Santiago. Mila Castro argumentou o sentido do voto nos avances que se están dando a nivel enerxético. Explicou que Santiago se adheriu á iniciativa da Comisión Europea denominada Pacto de Alcaldes o 31 de xaneiro de 2013, comprometéndose, a diminuir como mínimo o 20% das emisiósn cara o ano 2020, así como a elaborar un Plan de Acción para a Enerxía Sostible (PAES). Un compromiso renovado en 2016, actualizando a reducción de emisións a polo menos un 40% de cara a 2030.
Mila Castro sinalou que o Goberno Municipal comparte “o interese para desenvolver un espazo municipal que proporcione un servizo de información, formación e asesoramento enerxético”. Non é viable a posta en marcha dunha oficina, porque non existen recursos materiais nin humanos, pero aínda así, engadiu, “dentro das nosas posibilidades estase facendo un traballo de asesoramento e información á cidadanía en materia de tarificación eléctrica a través da OMIC. Ademais, fixéronse dúas sesións específicas sobre a factura eléctrica desenvolvidas no mes de decembro nos Centros Socioculturais en colaboración coa Unión de Consumidores de Galicia”.
Unha das nosas prioridades, finalizou, “era sacar tema do alumeado público. Deseñar unha folla de ruta. Agora estamos inmersos na licitación dunha Empresa de Servizos Enerxeticos que vai supor a renovacion da totalidade da luminaria do concello, que se substituirán por luces led, e que suporán un aforro para o concello de mais do 50%.
A concelleira de Acción Cultural e de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, defendeu a abstención do Grupo Municipal Socialista para impulsar unha nova convocatoria de residencias escénicas municipais. Sinalou que o Concello de Santiago “leva apoiando a creación artística municipal de xeito decidido neste último mandato, a pesar das circunstancias tremendamente adversas xeradas pola crise da COVID 19.”
“Este goberno”, explicou impulsou a contratación dun gran número de grupos e compañías locais durante os dous últimos anos que, en moitos casos, foron decisivas para poder completar o ciclo productivo que se vira interrompido pola crise. En concreto, sinalou, “botáronse a andar novas residencias artísticas na nova Zona C, fundamentalmente de investigación na área de artes plástica… Abriuse unha liña específica para a creación literaria. Creouse unha bolsa de creación literaria, baixo a forma de Premio a proxectos de creación literaria Exeria, que permite a escritoras/es do noso concello desenvolver un proxecto literario na cidade de Xerusalén durante o mes de agosto. Os premios SELIC levan dous anos consecutivos recoñecendo obras teatrais escritas por mulleres que versan sobre problemáticas moi candentes na actualidade como os malos tratos e o feminicidio. E deuselle continuidade aos proxectos de obradoiros de escrita, en colaboración coa AELGA, que probablemente fructifiquen este ano nunha publicación específica”.
Os diferentes espazos escénicos, engadiu, continuaron albergando propostas creativas de artes escénicas. “Se ben non houbo unha convocatoria formal de residencias na Sala Magán (Centro Sociocultural de Santa Marta), si é certo que se lle deu cabida a todas cantas solicitudes se recibiron, sempre que fosen compatibles coa programación das salas”.
“Nesta mesma semana”, continuou, “a Compañía Matarile está a desenvolver unha minirresidencia artística no Teatro Principal que cristaliza hoxe mesmo coa estrea da Obra Pussy Cake. Outras residencias semellantes están previstas para os vindeiros meses ligadas a outras estreas de pezas de artes escénicas. No Centro Xove da Almáciga púxose en marcha un novo proxecto de creación artística destinada á xente moza que está a ter moi boa acollida”.
Nas mocións 5 e 9, sobre as condicións laborais das profesionais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), e a reorganización do servizo, o Grupo Socialista abstívose. A concelleira de Políticas Sociais e Saúde negou as insinuacións de que se puña de perfil ante este asunto. Explicou, de novo, que o SAF incrementou o seu orzamento, no primeiro ano de mandato do Goberno Socialista, nun millón de euros anual, e no seguinte exercicio, en 600.000 euros. Cando comezou o mandato, lembrou, había 208 persoas en listas de espera. “Con este goberno, o pico máis alto foi de 23 persoas”. “Esta concelleira, ponse tanto de perfil”, subliñou “que cando chegou a este Goberno, había 340 persoas atendidas, e agora hai 700 persoas. Este é o perfil que ten esta concelleira co Servizo de Axuda no Fogar”.
A concelleira engadiu que escoita habitualmente ás traballadoras do SAF, porque “é importante escoitar a visión de todas as partes. Convídoos a que se reúnan comigo e co personal técnico municipial para falar deste tema. Recordo que “as dificultades inherentes ao SAF non son exclusivas de Santiago”. Respecto da zonificación, sinalou que o Goberno muncipal está dacordo. “Cremos que con ese sistema se melloran tempos, se axiliza a xestión e se facilita a coordinacion”. Un tema “que se tratou coa empresa”, pero para levalo a cabo, antes “ten que haber unha proposta”. Engadiu tamén que o servizo se avalía de forma continuada e que tamén se lle fan requirimentos á empresa. “Estamos pendentes día a día, minuto a minuto, do cumprimento do contrato”. Polo que respecta á subida salarial, e en xuntanzas con cargos directivos, “claro que se reclamou á empresa que tiña que pagar ese IPC”, sinalou Mila Castro. “Eu non podo, aínda que queira, intervir nos convenios colectivos. Pero vou defender sempre que haxa un convenio laboral xusto”.
Antes da votación, o alcalde deu máis cifras. Explicou que en Pontevedra hai 59 empregadas do SAF, “en Santiago 198. É o servizo do Concello que emprega máis persoal. Case 200 persoas no SAF, cun custe para o concello importante. A aportacion que realiza a Xunta é de 10,50 euros a hora e o custe de 18,20 horas. Para este goberno, finalizou, “a prioridade é o servizo á cidadanía”.