Saturday 16 de November de 2024

“Actívate no inverno” arrincou en Aldemunde con case 20 participantes no curso de manexo dos teléfonos móbiles


O programa, promovido polo Concello de Carballo en colaboración con entidades veciñais e consellos parroquiais, continuará en San Miguel de Vilela

O programa Actívate viaxou dun extremo a outro do noso extenso concello, dende Noicela e Rebordelos ata Aldemunde, para seguir dinamizando as nosas parroquias coa colaboración das entidades veciñais e dos consellos parroquiais. O alcalde, Evencio Ferrero, quixo achegarse ata o centro social para compartir un anaco de tarde coa veciñanza.

Malia ser a parroquia máis pequena e menos poboada do concello, en Aldemunde están a participar no obradoiro de manexo dos teléfonos móbiles case vinte persoas (19 para ser exactos), proba do gran interese que espertou a iniciativa e da implicación da Asociación de Veciños de Aldemunde de Arriba para dala a coñecer entre a poboación.

Ademais de achegar unha formación moi útil ás persoas maiores, para o cal contamos de novo coa Cruz Vermella de Carballo, o curso de manexo do teléfono móbil tamén se converte na primeira actividade que acolle a antiga escola unitaria, reformada durante a pandemia para ser reconvertida en centro social e punto de encontro para toda a veciñanza.

O curso rematará o día 31, pero o programa Actívate no inverno continuará durante a primeira quincena de febreiro con tres talleres teórico-prácticos. O día 1, coa colaboración da Policía Local, falarase sobre seguridade viaria; o 8, sobre compostaxe doméstica, e o 15, sobre primeiros auxilios no fogar, coa participación de Protección Civil. Todas as sesións comezarán ás 17.00 horas, con entrada libre para todas as persoas interesadas.

De xeito paralelo, durante a celebración de todo o programa de actividades poderá verse no centro social unha exposición de fotografía.

Todas as actividades están abertas á participación da veciñanza de todo o concello, do mesmo xeito que dende calquera parroquia, ben a través do consello parroquial ou ben a través do movemento asociativo, pode solicitarse a organización de programas semellantes. Así veñen de facelo dende a asociación de veciños e o consello parroquial de Vilela, que será a próxima estación do programa Actívate.

Os días 14, 16 e 23 de febreiro, de 16.00 a 18.00 horas, realizarase o curso de manexo dos teléfonos móbiles. As persoas que queiran participar aínda están a tempo de inscribirse, ou ben poñéndose en contacto coa asociación de veciños ou ben enviando un correo electrónico a comunicacion@carballo.gal.