Sunday 24 de November de 2024

Laxe acolleu a xornada ‘A Administración cerca de ti’ para formar a veciñanza nas xestións relacionadas coa Sede Electrónica


• A actividade desenvolveuse no Museo do Mar de Laxe e na mesma participaron unha vintena de persoas

• A acto acudiron o rexedor, José Luis Pérez Añón; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; e outros membros do goberno local

O Museo do Mar de Laxe acolleu na mañá de hoxe unha sesión do programa ‘A Administración cerca de ti’ co fin de ofrecerlle á veciñanza información para a realización dos trámites e xestións máis habituais na Sede Electrónica.

Á actividade, impulsada polo Ministerio de Política Territorial en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), acudiron o rexedor de Laxe; José Luis Pérez Añón; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; e outros membros do goberno local como a concelleira de Turismo e Cultura, Raquel Lema, e o edil de Deporte e Pesca, Francisco Charlín Oróns.

Na sesión informativa participaron unha vintena de persoas que puideron realizar in situ o seu certificado dixital e firma electrónica, o que lles permitirá solicitar citas no Sergas e documentos administrativos sen longas esperas, entrega de formularios ou desprazamentos a outras vilas e cidades.

Por outra banda, Rivas tamén tivo a oportunidade de coñecer as instalacións do Museo do Mar de Laxe, o cal alberga centos de miles de imaxes que proveñen de particulares e, en gran medida, do Arquivo Fotográfico Vidal, formado por máis de 133.000 instantáneas tomadas por varias xeracións dunha mesma familia que reflicten a historia e cultura da xente de Laxe e do resto da Costa da Morte durante os últimos cen anos. Parte destas fotografías, ademais, son Ben de Interese Cultural de Galicia.

Desde o Concello móstranse contentos por esta primeira sesión informativa e sinalan que “este tipo de accións sempre son necesarias e sempre son benvidas porque hai moita xente que ten dificultades técnicas, loxísticas ou de comprensión para a realización de trámites que, en realidade, non costa nada facelos se tes as ferramentas adecuadas”.

Ademais, agradecen a visita da subdelegada do Goberno na Coruña agardando que regrese de novo á localidade laxense para “seguir descubrindo todos os nosos recunchos, cultura e historia como lle puidemos amosar, brevemente, no Museo do Mar”.