Os tres programas son impulsados pola Xunta de Galicia.
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse concorrer ás convocatorias de tres programas de subvencións para diversas temáticas, todos eles impulsados desde diferentes consellerías da Xunta de Galicia.
Unha delas refírese á convocatoria de axudas da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais. O amplo proxecto que presenta o Concello inclúe unha serie de melloras na iluminación pública, redes de abastecemento de auga, saneamento de residuais e pluviais, accesos rodados e beirarrúas para dispoñer de infraestruturas máis competitivas para o desenvolvemento da actividade industrial e favorecer a implantación de empresas. O orzamento sitúase en torno aos 150.000 euros.
Tamén se acordou concorrer á convocatoria de axudas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco do programa Leader e cofinanciadas con fondos Feader. A solicitude do Concello enmárcase na liña de subvencións para investimentos intanxibles e tería por finalidade o financiamento da creación dunha nova páxina web e aplicación para dispositivos móbiles dirixida a xestionar as instalacións deportivas municipais e que permitirá aos usuarios realizar e abonar as reservas en liña a través desa plataforma. Con esta iniciativa simplificaranse os trámites que a cidadanía debe realizar para alugar as infraestruturas deportivas.
Por último, ao abeiro da convocatoria de axudas da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos, o Concello presenta unha proposta para cofinanciar a contratación durante catro meses dun técnico especialista en arquivos e patrimonio documental. O propósito é mellorar a ordenación e clasificación da documentación do arquivo municipal, incluíndo a integración no novo sistema de xestión documental ARQA impulsado pola Xunta de Galicia.