O Concello e a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) traballan na localización dos domicilios de 17 coruñeses que foron deportados a campos de concentración nazis
Este venres, 27 de xaneiro, conmemórase o Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá a posta en marcha dun proxecto no que o Concello e a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) lembrarán a historia e memoria de 17 coruñeses que foron deportados aos campos de concentración nazis.
A partir do mes de xullo, e ante os edificios nos que viviron as vítimas da cidade, nas beirarrúas, instalaranse os coñecidos como stolpersteine, lousas de bronce que foron concebidas polo artista alemán Gunter Demnig, levándoas ás rúas de Berlín en lembranza dos falecidos nos anos do nazismo. Desde o ano 1992, este proxecto chegou a máis de 25 países, con 75.000 stolpersteine.
A Coruña será o primeiro concello de Galicia en sumarse a esta iniciativa. A alcaldesa, acompañada pola voceira da AMRH, Carmen García Rodeja, destacou esta nova colaboración entre as concellarías de Memoria Histórica e Urbanismo e a propia ARMH, que chega nun contexto moi específico: o Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto, data que se conmemora este venres 27 de xaneiro.
“Esta é unha proposta que nace cunha identidade europea, case que global, pero que tamén ten unha transcendencia fundamental a escala municipal, a pé de barrio, porque estas lousas servirán como ferramenta para recoller a memoria da nosa cidadanía.
Queremos que as persoas que pasen ante os stolpersteine saiban que alí viviu un veciño, un coruñés, que loitou por preservar os valores da democracia e a libertade polas xeracións futuras”, apuntou esta mañá Inés Rey.
Os 17 stolpersteine, que a ARMH xeolocalizará a través dun mapa dixital, estarán ubicadosdiante das casas onde naceron, ou viviron, os deportados, en barrios da Coruña como Monte Alto, Catro Camiños ou As Xubias.
Os coruñeses aos que se lembrará nos stolpersteine son: José Albedro Villaverde, Adolfo Bregua Mouriño, Víctor Manuel Conde López, Clemente de la Cruz García, Adrián del Castillo Soutelo, Manuel Fernández Tárrago, Martín Ferreiro Álvarez, Arturo García Lagares, Juan González del Valle, Leopoldo López Criado, Julio Martínez Arias, José Martínez Cacheiro, Luis Rafales Lamarca, Víctor San Miguel Prado, Eduardo Sánchez García, Enrique Tallón Charlón e Francisco Tallón Charlón.
“A idea é que os stolpersteine sexan visibles e que a xente saiba que esas placas son en homenaxe aos deportados, como en toda Europa”, agregou a voceira da ARMH, Carmen García Rodeja, que lembrou, ademais, que se segue a traballar para localizar a máis familiares —directos ou non directos— dos coruñeses deportados, e fixo un chamamento á cidadanía para que aquelas persoas que conserven información ou documentos sobre as víctimas podan contribuír á súa busca, co obxectivo de reconstruír as historias persoais dos deportados.
A folla de ruta do proxecto
O plan para a instalación dos stolpersteine comezou cun traballo de arquivo sobre o percorrido dos deportados, así como coa localización dos seus familiares, co obxectivo de identificar os antigos domicilios das vítimas.
Tras a elaboración do mapa dixital que permitirá xeolocalizar as lousas de bronce na cidade, a ARMH prevé publicar, co apoio do Concello, un libro que recollerá as biografías dos coruñeses deportados.
O Concello e a ARMH prevén que a instalación dos primeiros stolpersteine dé comezo no mes de xullo, coa implicación directa das concellarías de Memoria Histórica e Urbanismo.
Xa posteriormente, levaranse a cabo percorridos guiados polas ubicacións das lousas de bronce na cidade, cunha finalidade didáctica e histórica, en lembranza das vítimas.